A saída dos zamarreiros da Mezquita marca o inicio do Entroido ourensán

TRADICIÓN POPULAR

O zamarreiro, o personaxe tradicional da Mezquita, tomou as rúas e pediu o aguinaldo no segundo día da “Festa dos Reis”

Os tres zamarreiros deste ano foron os grandes protagonistas dunha xornada moi especial na Mezquita.
Os tres zamarreiros deste ano foron os grandes protagonistas dunha xornada moi especial na Mezquita. | Martiño Pinal

A Mezquita é nestes días a capital ourensá da tradición e a cultura popular con motivo da súa Festa dos Reis, que ao longo de catro xornadas celebra a unión de toda unha vila que se enche de cor e música. Este sábado, na segunda xornada, chegou o turno de dar a benvida aos zamarreiros, figura que coa súa saída marca o inicio simbólico do Entroido na provincia.

A misión dos zamarreiros durante o sábado foi clara e festiva. Ataviados cos seus característicos traxes de esparto marrón, portando vistosos ramos decorados con elementos naturais, froitas, flores e os típicos roscos, e protexidos tras curiosas máscaras que agochan a súa identidade, percorreron dende primeira hora os fogares do concello, petando nas portas da veciñanza para pedir o tradicional aguinaldo. Non só recolleron cartos, senón que tamén recibiron comida e bebida á que de seguro se lle dará bo uso nestes días de festa, e que foron depostiando nun carro adornado cos ramos dos reis.

O zamarreiro amosa o aguinaldo obtido nunha casa.
O zamarreiro amosa o aguinaldo obtido nunha casa. | Martiño Pinal

No seu devagar estes personaxes estiveron acompañados pola música da charanga El Tattoo, nun ritual que evoca tempos pasados nos que se buscaba asegurar a continuidade da festa mediante a recadación de viandas e achegas para as comidas comunitarias. Tras completar o percorrido, homes e mulleres foron xantar por separado, antes de emprender unha ronda polos bares á tarde.

Este sábado repetiu como zamarreira Paquita Estévez, pioneira o ano pasado en encarnar a esta figura que ata o momento estivera reservada exclusivamente para os homes. Daquela tomou a alternativa en homenaxe ao seu irmán falecido, un dos responsables da recuperación da festa hai agora 41 anos.

“Reinas e reis”

O carro estivo adornado cos ramos dos reis.
O carro estivo adornado cos ramos dos reis. | Martiño Pinal

Os coroados deste ano e que presidiron a comitiva foron a reina e rei Paula Rodríguez e Hugo Fernández, acompañados pola virreina e virrei, Manuela Pérez e José Antonio García. A Festa dos Reis, que arrancou o venres cos cantos de reis, continúa este domingo co “Día dos Invitados”, dedicado a xantares e ceas con convidados, e conclúe o luns co “Día da Parranda”, no que saen as carrozas.

Ese día ademais elixiranse as reinas e reis do 2028, sempre con dous anos de adianto co fin de asegurar unha celebración que é toda unha testemuña do valor e poder de unión popular das tradicións da Mezquita.

Contenido patrocinado

stats