CULTURA EN TRIVES
Naturaleza y memoria se citan en el IES trivés
CELEBRACIÓN LOCAL
As lapas volveron debuxar sombras nos soutos de Vilanova e o arrecendo do chourizo asado mesturouse co da leña húmida, anunciando que a Festa do Chourizo regresaba un ano máis para reafirmarse como unha das celebracións máis queridas e fondamente arraigadas da Pobra de Trives.
A pequena aldea converteuse, unha vez máis, nun punto de encontro para familias enteiras, grupos de amigos e pandillas que atopan nesta noite unha escusa perfecta para compartir mesa, lume e risas.
Como manda a tradición, a festa celebrase o primeiro sábado de febreiro, coincidindo coas Candelas e o San Blas, pero este ano as fogueiras adiantáronse un chisco e foi na tardiña do 31 de xaneiro cando as lapas poñían luz e calor en Vilanova.
Desde primeira hora da tarde, os soutos que rodean Vilanova comezaron a encherse de movemento. As pandillas achegáronse para marcar o seu lugar, recoller leña e preparar o terreo no que, ao caer a tarde, prenderían as súas propias fogueiras.
Cada espazo, cada lume, contaba unha historia distinta, pero todas compartían o mesmo espírito: o de xuntarse ao redor do fogo para celebrar.
Cando o sol se agochou tras as montañas, as chamas das múltiples fogueiras iluminaron a aldea, transformando o frío do inverno nunha calor acolledora. Ao redor do lume, os chourizos chisporroteaban sobre as grellas, acompañados doutras viandas, mentres a imprescindible bica de Trives facía acto de presenza xunto aos licores caseiros. A propia fogueira encargábase de espantar o frío e crear un ambiente íntimo e familiar, no que o tempo semellaba deter o seu paso.
A música tamén tivo o seu protagonismo. Moitas pandillas levaron o seu propio son a cada lume, poñendo banda sonora á noite, mentres que no campo da festa, unha carpa reuniu aos máis animados. Alí, o grupo Takicardia e a disco móbil Dj Bady fixeron bailar sen descanso aos asistentes, completando unha xornada na que gastronomía e festa foron da man.
Despois de días marcados pola chuvia, a neve e o vento, o San Blas e as Candelas traían consigo unha pequena tregua que permitiu que a celebración brillase con forza. Nin as inclemencias do tempo nin o inverno conseguiron deslucir unha festa na que centos de fogueiras volveron arder, demostrando que a Festa do Chourizo segue viva, mantendo intacta a súa maxia e poder de convocatoria.
En Vilanova, o lume non só quenta os corpos, tamén aviva a tradición, reforza os lazos e lembra, ano tras ano, que hai celebracións que se levan no corazón.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CULTURA EN TRIVES
Naturaleza y memoria se citan en el IES trivés
QUEN CHO DIXO
¿Sabe usted que Trives lleva un año sin plenos?
"GALEGO PARA ABRIRMUNDOS"
Avelino González acerca o galego ás aulas de Trives
"MARZO CULTURAL"
A tradición ponse a bailar en Trives
Lo último
PROGRAMA SEMANA SANTA
Magia, religión y cultura en la Semana Santa de Ribadavia
Eduardo Medrano
Motín de Esquilache