Allariz delega na Garda Civil de Tráfico dende esta semana
FLUIDEZ DO TRÁFICO
A decisión vén motivada pola insuficiencia de medios municipais ao dispor dun só policía local
O Concello de Allariz vén de delegar as competencias de tráfico na Garda Civil e na Xefatura de Tráfico de Ourense, así o confirma o derradeiro Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP) trala aprobación nun pleno extraordinario. A moción foi aprobada por unanimidade e vén motivada pola insuficiencia de medios municipais, xa que o Concello alaricano só dispón de un policía local e dous auxiliares na actualidade.
Esta decisión forma parte dunha estratexia que avoga pola mellora da fluidez do tráfico e da seguridade viaria, segundo explica a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e iníciase con esta delegación e un novo estudo de ordenación do tráfico e a aprobación desta nova ordenanza.
Este proceso iniciouse fai tempo cunha primeira proposta de acordo que “naquel momento non foi posible”, apunta a alcaldesa, afirmando que “volvéronse a abrir as portas e nesta ocasión si foi posible”. Esta nova delegación pavimenta o camiño cara un novo sistema colaborativo entre a Garda Civil de Tráfico e o Concello de Allariz, que segundo explica Cristina Cid: “Non é só a cuestión de controlar o tráfico ou o mal estacionamento, senón que poida asistir e facer traballos de vixilancia, velen pola seguridade vial e poder ter cubertas o maior número de horas os 365 días do ano”. Alén de mellorar a seguridade viaria, o Concello tamén aposta pola “fluidez do tráfico e que prime o correcto uso do espazo público para as persoas”.
Segundo adianta a alcaldesa: “Esta semana teremos unha reunión para ver as necesidades e onde por máis atención para facela máis efectiva”. E é que non é só na estación de autobuses onde existen constantes problemas, senón tamén no casco histórico e nas zonas de carga e descarga. “É moi necesario que estean liberadas para facer un bó uso delas, igual que os vados e os aparcamentos para persoas con discapacidade”, sinala.
Medidas para garanter aparcadoiros aos residentes
Co novo estudo de ordenación do tráfico, o Concello de Allariz busca priorizar os veciños “para que nas épocas de máis turismo, que non sexan os prexudicados, porque os aparcamentos máis próximos ao casco estean ocupados”, explica a alcaldesa. “Imos facer aparcadoiros só para residentes, para garantir que os nosos veciños e veciñas teñan unhas zonas de aparcamento preferentes para eles o máis preto posible”, afirmou Cristina Cid, “da mesma maneira que se construíron aparcadoiros perimetrais ao casco histórico, creemos que é o momento de dar un paso máis con esta nova ordenación de tráfico e que existan neste perímetro aparcamentos exclusivos para residentes”. Ademais, instalaranse cámaras de lectura de matrícula nas entradas do casco histórico.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último