Allariz despediu a Festa do Boi coas últimas carreiras
TRADICIÓN
A fin de semana tamén foi moi musical polo encontro de charangas, a verbena e unha ruada
Punto e final para a Festa do Boi ata o ano que vén. Allariz dixo adeus onte a outra edición da súa festa máis emblemática, tras unha semana de carreiras, tanto para adultos como para os máis pequenos, amenización musical e moita troula.
Por fortuna, o bo tempo acompañou estes días festivos, o que provocou que de novo milleiros de curiosos e turistas se animaran a visitar a vila alaricana para coñecer o “Boi”. Pero non só as saídas dos animais, porque a súa tradición, historia e música polas rúas son igual de importantes.
A xornada do sábado iniciouse coa derradeira carreira infantil do Boi, tras unha semana de grande participación de toda a cativada. Antes e despois da primeira saída do Boi dos “adultos” ao mediodía, as charangas “Sugarri” e os “Zes Pereiras” puxeron o acompañamento musical. O máis destacable da carreira do mediodía foi o estado dun dos bois, moi lento e cunha visible coxeira, polo que tivo que ser substituído.
Pola tarde, ás 19,45 horas houbo un encontro de charangas no Eiró que fixo as delicias dos presentes. Ademais serviu de antesala da segunda saída do Boi do día, penúltima da semana. Á noite uniuse a charanga “Achicoria” nos pasarrúas, é ás 00,00 horas veciños e visitantes desfrutaron dunha verbena no campo da Barreira co “Grupo Fusión”. Media hora máis tarde, ruada polo casco histórico, de novo con “Achicoria”.
O domingo, as actividades en Allariz por mor da festa deron un pequeno respiro a todos os participantes. O día final non arrancou ata as 13,00 horas cos pasarrúas protagonizados polas charangas “Sugarri” e “Zes Pereiras”, que se repetiron a media tarde.
Foron o preludio da derradeira saída dos catro bois participantes ao longo da semana, ás 19,00 horas. Como remate, a vila despediu ao Xan de Arzúa, co seu particular traslado en forma de procesión dende o edificio do Concello de Allariz ata a Casa do Boi. Todo isto en compañía, como non podía ser doutro xeito, da música da Murga Achicoria.
Despois dunha semana, nove días en total de música, festa e carreiras, Allariz despediu ata o 2025 a súa celebración máis recoñecida.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Vuelca un coche en la A-52 en la salida de Allariz
BALANCE DE LA COMARCA
Un año de punto y aparte en Allariz y Maceda
Lo último
REINVENCIÓN DE LAS ESTACIONES DE SERVICIO
Las gasolineras amplían su oferta de servicios en el rural de Ourense
De cara a la cumbre de julio
Reunión “clave” en París para el futuro de la Ribeira Sacra como patrimonio mundial
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás