Antón Riveiro, escritor: "Pregúntome se a un lector lle importará preferir algo escrito por unha máquina"
ENTREVISTA
O II Festival Literario de Allariz (FLAZ), unha iniciativa da libraría alaricana Aira das Letras, co apoio do Concello alaricano, arranca este venres
Entre as actividades máis destacadas haberá un roteiro polo casco histórico ás 17,00 horas da man de Xeitura, e en compaña das figuras convidadas este ano.
Unha delas é o Antón Riveiro Coello, reputado e premiado autor limiao que manterá un diálogo co escritor Carlos Meixide titulado “Memoria e historia na novela”, ás 19,30 horas, na sala de exposicións A Fábrica.
Que cousas como narrador o retrotraen á Limia?
Teño a sensación de que sempre escribo para os limiaos, porque compartimos un espazo, unha memoria colectiva común, e tamén unha lingua diferente. A materia prima provén sempre dalí, porque A Limia ademais para min ten unha materia literaria, que emprego para ver de onde veño e quen son. O microcosmos amplíase con outras lecturas e experiencias, pero o núcleo sempre está aí, nese lugar do que somos.
Persígueo algunha historia que non foi quen de sacar á luz?
Si, de feito estou a traballar nunha historia que me leva perseguindo dende pequeno, moi persoal. Pero ás veces as historias simplemente aparecen. Unha pequena chispa, un comentario, calquera cousa que les ou ves, fai que se vaia desenvolvendo como unha bola de neve. Cómpre ter paciencia e nada máis. A literatura tamén é unha escolla. Hai que saber escoller o que queres contar… e contalo.
Escribe en galego por “xente como Cunqueiro”. Escribirán no futuro por vostede?
Eu penso e escribo na miña lingua nai. Hai unha parte natural e outra ideolóxica. Sei de moita xente que pensa en castelán e escribe en galego, non sei se por convicción ou por interese. Hai un perfil dentro do escritor galego de resistencia, de loita, porque non queremos que desapareza a nosa lingua. Se xa non se fala, imaxínate se non se escribe. Polo resto, non escribo para a posteridade, senón para ser feliz e facer felices aos demais. Pero a literatura non só é desfrute, senón tamén traballo e obsesión.
Pode a literatura reescribir a historia oficial?
Eu estou convencido de que a literatura, e falo por extensión da ficción, está para salvar o mundo. Constrúe a memoria colectiva, esa percepción que temos do que acontece. Os novelistas temos licencia para recrear os ámbitos privados e meternos na pel dos personaxes históricos e pensar por el. E facémolo cun proceso intuitivo, o que nos dá un punto de comprensión sobre como tería sido o feito histórico que non nos dá a propia historia. Unha novela serve non só para comprender o mundo, senón tamén para corrixilo. Toda a historiografía sobre a Guerra Civil que se creou nos anos 70 e 80, por exemplo, estaba creada polos fillos dos vencedores, da xente que ditou sentenzas. Cando se instalou xa a democracia, empregouse a literatura para corrixir a memoria, toda esa historia esquecida que non estaba nos libros da historia. Hoxe, grazas a toda a ficción, a literatura conseguiu que todas as vítimas que non tiveron un recoñecemento, tamén estean na memoria colectiva de todos os galegos.
Sobre que lle gustaría escribir do presente?
Cando foi a pandemia, pensei en escribir algo sobre iso, pero pensei “agora vai estar todo o mundo escribindo sobre ela”. E curiosamente non ten habido case nada. Pero dentro de 10 ou 15 anos aparecerá, tratarase como un acontecemento histórico de grandes magnitudes. Do que está a acontecer agora mesmo, gustaríame escribir sobre a intelixencia artificial. A xente que me rodea asegura que estou algo obsesionado. Como estaremos dentro duns anos, coa velocidade á que vai? Gustaríame adiantarme ao tempo, pero non creo que poida ser un gurú do tema. Como dixo a miña filla, no futuro volverase a valorar non escribir unha novela, senón contala. Volverase á literatura oral como unha especie de resistencia. No momento en que o lector non distinga o que está creado por unha máquina do que escribe un ser humano, e que lle guste máis o da máquina, a pregunta é clara: importaralle?
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Vuelca un coche en la A-52 en la salida de Allariz
BALANCE DE LA COMARCA
Un año de punto y aparte en Allariz y Maceda
Lo último