Santiago Prol: "Con Bieito Seara como alcalde Maceda tería sido un novo Allariz"

Santiago Prol recolle no seu último libro, “Conversas co Bieito”, a historia política e vital do seu admirado amigo Bieito Seara. Nun formato de pregunta e resposta, o exdocente macedao fala co que fora director xeral de Acción Social en Vicepresidencia co bipartito e alcalde de Maceda durante nove meses, en 1995, ata que unha moción de censura o afastou do cargo.

Santiago Prol en Maceda. Foto: Miguel Sambréijome
Santiago Prol en Maceda. Foto: Miguel Sambréijome

¿Cal é a relación que lle une a Bieito?

Somos amigos dende os catro anos. Nacemos os dous no 1960 e coincidimos, no que se chamaba parvulitos, en Maceda. Fomos amigos toda a vida, iamos ao cine, e, aínda que eu nunca militei en nada, ideolóxicamente sempre estivemos na mesma liña. Todo o mundo sabe que eu, cando veño a Maceda, se quedo con alguén é co Bieito ou co Celso.

Vostede segue vivindo en Santiago.

Si, eu asenteime alí, que foi onde aprobei a oposición. Para investigar é un sitio macanudo. O fondo documental que ten a biblioteca xeral é potentísimo.

Pese á distancia xeográfica seguiu en contacto con Bieito, sobre todo, no eido cultural.

Non, en todos os ámbitos. Eu seguinlle toda a súa traxectoria. Comezou coa Asociación Cultural Os Cabaceiros nos anos 80 e revolucionou a vila. Montou unha radio libre, que foi o xermolo do que se converteu despois en Radio Maceda. Facía aquela asociación moitas actividades, obras de teatro con guións escritos en galego…

Vostede participaba en todas aquelas actividades?

Eu naquela época viaxaba moito cunha canadiense -tenda de campaña- polo mundo, pero cando estaba en Maceda claro que participaba. De feito, colaborei coa radio.

Como é Bieito?

Bieito é unha persoa de altas capacidades sen diagnosticar. Ten unha fortaleza física e mental descomunal. Este libro se fixo porque marquei eu os tempos. El hai seis meses xa quería que o publicase!

A idea de publicalo foi súa?

Si, foi miña, no 2020. El púxose na liña de atrás na política penso que un pouco desencantado logo do bipartito. Puxeron moita ilusión nun proxecto co que non lle deixaron continuar.

Que destacaría do seu traballo dentro do bipartito?

Fixo un labor impresionante. A maior parte dos centros de día, por exemplo o de aquí, montaronnos eles. Os centros sociais e culturais, igual. Coincidiu na primeira etapa de Zapatero, que investiu moito en servizos sociais. Había cartos e era preciso investilos ben e como Bieito era economista, de feito ten unha asesoría moi potente en Ourense, Quin -Anxo Quintana- pensou nel para ese labor en Vicepresidencia. Tamén foi alcalde de Maceda aínda que so lle deixaron estar nove meses no cargo: O PP non quería que Maceda fose un novo Allariz e foi unha mágoa porque teríao sido. Tiñamos a unha persoa con ideas, enerxía e capacidade.

Un moi bo político para vostede.

É un animal político que nunca empregou portas xiratorias e que conseguiu moitas cousas tamén dende a oposición. Tampouco quixo seguir vivindo da política pero el é proactivo e segue estando aí, aínda que non en primeira liña.n

Contenido patrocinado

stats