Allariz celebra as XIV Xornadas de Carne de Boi

GASTRONOMÍA LOCAL

O concurso de tapas comezará mañá e prolongarase ata o 12 de outubro

Cristina Cid e María López xunto ós representantes dos establecementos participantes.
Cristina Cid e María López xunto ós representantes dos establecementos participantes.

O Concello de Allariz celebra dende mañá ata o vindeiro 12 de outubro as XIV Xornadas de Carne de Boi, nas que este ano participarán 21 establecementos alaricanos.

Esta cita gastronómica é coñecida pola variada proposta culinaria que ofertan estes establecementos, pondo á carne de boi alaricana como protagonista, na que ademais das catorce tapas participantes no tradicional concurso, se inclúen menús e pratos especiais “adaptados a todos os petos”.

A novidade desta edición son as “tardes/noites gastronómicas”, unha cita que marida música en directo e petiscos. Empezarán mañá e continuarán o venres 3 e o sábado 11 de outubro. Ademais, durante os sábados 27 de setembro, 4 e 11 de outubro, haberá degustacións especiais -elaboradas con carne de boi- no Mercado da Reserva da Biosfera: Empanada de boi guisado e vexetis, Tataky de boi con “pico de gallo” e Cañita de boi e cabaza, respectivamente, dende as 12,30 ata as 13,00 horas.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou a importancia destas xornadas para a dinamización da economía local e a posta en valor dos recursos propios, ó que a concelleira de Promoción Económica, María López, engadiu unha invitación á veciñanza a participar de novo este ano e agradeceu a implicación dos establecementos e da empresa Briugu Allariz, encargada de distribuír a carne de boi.

Estas catorce tapas -que terán un prezo de tres euros- estarán suxeitas á opinión pública para ser elixidas como a “Mellor Tapa 2025”. Para os máis larpeiros, tamén volve o concurso “Papando no Boi”, que premiará cun vale de 100 euros para gastar no comercio local á primeira persoa -con tarxeta cidadá- que consuma as catorce tapas. Todos os completen a súa cartilla entrarán no sorteo tamén dun vale de 250 euros, e tres vales de sesenta euros para aquelas que teñan polo menos cinco tapas.

Os gañadores do sorteo e a mellor tapa daranse a coñecer o sábado 18 de outubro no Mercado da Biosfera ás 11,00 horas.

Contenido patrocinado

stats