Elena Rodicio, fotógrafa de Allariz: “Dábame medo como se ía entender fóra”

TRADICIÓN EN IMAXES

A alaricana Elena Rodicio (1995) expón en Madrid “Memoria Carnal”, unha mostra fotográfica sobre a matanza do porco e que fala sobre a importancia de capturar as tradicións.

Elena Rodicio diante da mostra de fotografías “Memoria Carnal”.
Elena Rodicio diante da mostra de fotografías “Memoria Carnal”. | Elena Rodicio

Documentar a memoria cobra cada vez máis peso na nosa sociedade, na que cada día as tradicións e herdanzas desaparecen a prol do progreso. Baixo esta premisa, a alaricana Elena Rodicio (1995) quixo en 2024 inmortalizar a matanza do porco, “unha práctica que durante xeracións foi esencial da vida rural”, afirma.

Malia que traballa como creativa publicitaria en Madrid tras estudar tradución en Vigo, conta que “a fotografía sempre foi unha paixón que estivo latente e que fun aprendendo de forma autodidacta”, sinalando a fotografía documental como a forma de expresión que elixe para combater a súa necesidade de conservar a memoria: “Son unha persoa moi nostálxica dende cativa e con moito arraigo”.

Tras decatarse de como esta práctica ía desaparecendo progresivamente do seu entorno máis achegado, viu a necesidade de “capturar esta memoria aínda viva e preservar algo tan característico da nosa identidade que non vai ter relevo xeneracional. Eu crecín coa matanza e dubido que a vaia facer no futuro na miña casa”.

As fotos, tiradas no Toxal, unha aldea da Limia, retratan a matanza na casa do seu tío e a través delas mostra “un ciclo común do que ambos forman parte e están ao mesmo nivel. Ademais, intento recoller o rito que hai detrás, os vínculos, a comunidade, a trasmisión de saberes...”, apuntou Rodicio.

Unha das imaxes da coleccción.
Unha das imaxes da coleccción. | Elena Rodicio

As fotografías, feitas de xeito dixital e en blanco e negro para minimizar o impacto e cunha impresión ‘fine art’ con tintas pigmentadas sobre papel 100% algodón mate, estarán expostas no Est_ArtSpace Gallery de Madrid ata o 25 de xullo baixo o nome “Memoria Carnal”. Saíron á luz o derradeiro ano, cando unha amiga lle propuxo facer unha exposición conxunta con outra pintora e, pensando que expoñer, lembrouse delas “xa que as tiña quitado en 2024 e non as volvera mirar”.

Aproveitando que montou o proxecto, enviouno á convocatoria que abriu o espazo no que hoxe están expostas, que buscaba mostras en blanco e negro. “É unha temática que a min me apela moito, pero non sei como lle pode sentar a unha persoa que nunca viu a matanza, e menos coas sensibilidades de hoxe”, confesa, “de momento recibín boas opinións e semella que se está entendendo o que quero contar”.

Así, Rodicio verbalizou a súa emoción por traer a mostra a Galicia: “A min encantaríame, pero dedícome a outras cousas e a fotografía non me da de comer. Non tiven oportunidade de buscar como levala, malia que teño moita ilusión de traela nalgún momento”.

Deste xeito, as tradicións que durante séculos moldearon a identidade galega e que agora transitan o camiño do esquecemento, quedan inmortalizadas en fragmentos, instantes dunha realidade de vello.

Contenido patrocinado

stats