A estrea Allariz da muller do sedeño, Yaixa Villar

RELEVO XENERACIONAL

A Festa do Boi de Allariz non se pode entender sen os homes do sedeño. Nun mundo, que como o seu propio nome indica, tradicionalmente composto por homes, Yaixa Villar decidiu aos seus 18 anos converterse en “muller do sedeño”.

Yaixa Villar coa vestimenta habitual dos homes do sedeño.
Yaixa Villar coa vestimenta habitual dos homes do sedeño. | José Paz

Vestidos de branco e co tradicional pano da Festa do Boi ao pescozo, os homes do sedeño da asociación Xan de Arzúa son a máxima autoridade durante o evento principal da celebración, as saídas do boi. Eles son os encargados da seguridade, tanto para o animal como para os participantes. Unha “responsabilidade chea de orgullo” que cumpren pese ao risco que supón.

Ao igual que a moitos outros papeis protagonistas das festas máis senlleiras da provincia, está tradicionalmente realizado por homes, máis non exclusivamente. Desta volta, na Festa do Boi 2026, a alaricana Yaixa Villar Bretaña converteuse na segunda muller do sedeño aos seus recentemente cumpridos 18 anos, a idade mínima para “meterse” ao grupo.

Criada a escasos metros da Casa do Boi, o punto do que saen tódalas carreiras da festa, Yaixa confesa que xa tiña decidido ser muller do sedeño dende hai tempo, pero non tiña a idade. Para cubrir este rol, o único que se necesita é unha boa forma física e ser maior de 18 anos. A moza contou cos ánimos do seu irmán, Gonzalo Villar, que tamén é home do sedeño dende hai anos. “De velo ano tras ano, de participar eu nas carreiras... Naceume a idea e pensei: Porque non?”. Así, confesa que a súa decisión tamén serve para “mostrarlle ás novas xeracións e ás mulleres que se queiran implicar, que tamén poden”.

“Moita xente pensa que son eu a primeira muller do sedeño, mais non é así”, apuntou a alaricana, “a primeira foi Maite, hai anos xa, que quero mencionala porque ela si que foi a primeira e eu só decidín coller o seu relevo”. Pola súa banda, Maite Alamino, conta que fai preto de 30 anos que ela agarrou o sedeño “unha ou dúas veces, daquela non había tanto protocolo e dixéronme ‘colle a corda e proba’”. Ademais, quixo dedicarlle unhas palabras de agarimo a Yaixa: “Deséxolle todo o ánimo do mundo e estarei véndoa. Alégrome moito de que se animen as mulleres e seguro que o fai xenial”.

“Enfrontarse ao descoñecido sempre vén acompañado de dúbidas e algo de medo, especialmente ao entrar a estes espazos”, explicou, mais non podía estar máis equivocada: “Xa dende o primeiro momento, en canto me viron entrar pola porta saudáronme todos, presentáronse e deixáronme ver o bo ambiente que hai no equipo -formado por preto de vinte persoas- e, por enriba de todo, a vontade para que as cousas saian ben”.

O pasado sábado foi a primeira vez que o boi pisou as rúas alaricanas nesta edición. “Foi unha pasada. Sempre o corrín pero non se asemella en nada”, intentou explicar a moza, “é moi diferente correlo que ser home do sedeño”. Malia que antes de que saia sempre hai algo de nervios “porque estamos preocupados pola xente e que todo vaia ben”, o estreo saíu perfecto “grazas a eles e á confianza que temos entre todos”.

Termar do sedeño “é unha experiencia inexplicable, ata que o vives non sabes realmente como é. Fermosa, de verdade”, dixo. Supón un risco para eles, e, malia que non é habitual, non é a primeira vez que resultan feridos. Lonxe de recibir comentarios negativos, Yaixa confesa sentir o respaldo da veciñanza: “Todo o mundo se porta xenial. Páranme aínda que non os coñeza para felicitarme, para facerme comentarios do orgullosos que están de que haxa unha muller e agradecidos por todo o traballo por parte da asociación”.

Relevo xeracional

Yaixa é o exemplo do traballo da asociación Xan de Arzúa en prol do relevo xeracional. “Dende a asociación ponse moito énfase en involucrar aos máis cativos e creo que iso é o que enamora da festa, ver a todo o mundo desfrutando o Boi por igual”. Durante os vindeiros días, os veciños e visitantes poderán ver a Yaixa xunto aos seus compañeiros representando o orgullo e responsabilidade de leva-lo sedeño na man.

Contenido patrocinado

stats