O Festival de Xardíns de Allariz lembra a Francisco García na inauguración

Acto emotivo

Nesta XVI edición, o festival mostra obras de todo o mundo coa liberdade como temática

Un cento de veciños achegáronse á inauguración.
Un cento de veciños achegáronse á inauguración. | Óscar Pinal

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (Fixa) inaugurou onte pola tarde a súa décimo sexta edición nun evento de fonda emoción polo recordo de Francisco García, ex-alcalde alaricano e un dos ideólogos do recinto.

Ás 19,00 horas comezaba o acto que serviu para levantar o telón desta nova entrega, que ten a “liberdade” como temática, e que vén de adaptar o espazo aos novos proxectos paisaxísticos que “convidan a romper barreiras e conectar coa natureza”, chegados de tódolos recunchos do mundo. Estivo conducido pola xornalista alaricana Raquel Rosa e acompañado pola música do violinista Daniel López.

Allariz, capital do paisaxismo

A vila alaricana convértese na capital nacional do paisaxismo coa celebración do Fixa, único en todo o país, recibindo 56 propostas durante a convocatoria desta edición. Destas máis de cincuenta propostas, finalmente elexíronse nove.

Ademais dos deseños como “Ék-tasis” (Portugal) ou “Time Out” (Austria), o recinto acolle propostas como “Libre albedrío” (Colombia e Chile) ou “Garden of floral disobedience”, (Sudáfrica e os Países Baixos). Como non, tamén están as propostas locais como o “Xardín crisálida”, dende A Coruña, ou o “Xardín 8”, proposto polos alumnos do IES de Allariz.

Por suposto, esta décimo sexta edición tamén recupera os dous xardíns gañadores da edición anterior: “El Jardín de Rocallas”, premio do xurado técnico, e “Se chove, que chova!”, de Mónica Alonso, Lucía González e Isabel Gutiérrez, premio do público.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, acompañada do presidente da Diputación de Ourense, Luis Menor, fixeron entrega dos diplomas aos autores dos novos deseños, sendo que a adminsitración provincial colabora co Fixa dende a súa XIII edición. Ademais, o acto contou con representantes do ámbito académico e profesional como Juan Antonio Caridad (UDC), Raquel Casas (UPM) e membros da Asociación Española de Paisajistas (AEP) e de Agaexar.

Así, o presidente do xurado, Francisco Caldeira, suliñou a “alma e a calidade técnica” das propostas deste ano. Pola súa banda, Menor destacou o festival como un espazo no que a “natureza e a creatividade” dialogan, convertendo a Allariz nun escaparate mundial do deseño paisaxístico.

Lembranza

A inauguración desta edición estivo fondamente marcada pola figura de Francisco García, a quen a alcaldesa lle quixo dedicar unhas palabras: “Hoxe é un día de ledicia pero tamén de moita emoción. Francisco García está hoxe con nós en cada recuncho deste recinto que el tanto amaba”. Ademais, Cid entregoulle aos familiares de Paco un cadro del no Fixa. “A mellor homenaxe que podemos renderlle é seguir traballando coa mesma ilusión para que Allariz sexa unha ventá aberta ao mundo onde a arte e a natureza se dan a man. Este festival é un exemplo de como a sostibilidade e o deseño poden transformar o territorio, e hoxe máis que nunca, reafirmamos o compromiso de manter viva a súa pegada”, concluíu a alcaldesa, antes de anunciar que Tino Feijóo será o sucesor de Paco na dirección do festival.

Cristina Cid e Tino Feijóo xunto aos familiares de Paco García.
Cristina Cid e Tino Feijóo xunto aos familiares de Paco García. | Óscar Pinal

Tras o peche do acto, os visitantes realizaron o percorrido inaugural dos xardíns, que estivo enriquecida polas coreografías da escola de danza Bayadere e sesións de ioga a cargo do Recuncho do Silencio.

Contenido patrocinado

stats