O outono en Allariz é sinónimo de produto local

Gastronomía de tempada

A xa consagrada Feira de Outono de Allariz celebra esta fin de semana a súa trixésima edición

Os postos instalados no pavillón do IES de Allariz.
Os postos instalados no pavillón do IES de Allariz. | B.L.

A vila de Allariz celebra esta fin de semana tres décadas da súa Feira de Outono, unha das principais citas no calendario ourensán nas datas do San Martiño. O pavillón do IES de Allariz convértese no escenario no que una vintena de postos de produtos artesanais e locais de embutidos, queixos, setas, castañas, pan, mel, noces e todo o necesario para un bo magosto conviven con “showcookings” e obradoiros para a cativada.

A xornada arrincou coa tradicional saída ao monte na procura de cogomelos guiada por José Gómez Bragaña, unha cita que reuniu unha ducia de amantes da micoloxía. Foi apenas media hora despois cando o recinto abriu as súas portas para deixar saír o arrecendo do outono e deixar entrar aos visitantes.

Centos de visitantes se achegaron durante as primeiras horas da xornada con claro interese, a gastronomía de proximidade. Así o destacou Eusebio Prieto dende o seu posto, queixería Riola, quen se amosou contento coa acollida e subliñou que os clientes preguntan e se interesan cada vez máis polo produto, pondo o ollo e valorando “a proximidade e que sexan artesanais”.

Foron David e Inés Cartaxo quen o confirmou. Este matrimonio luso que percorre o país en autocaravana decidiu facer unha parada para gozar dos produtos da contorna e aproveitaron para mercar queixo e setas antes de parar a tomar un viño: “O produto local de aquí e moi bo, foi un acerto parar”.

Pola súa banda, María Nieves Gómez e Pilar Pozo, acompañadas dos seus maridos, tomaban tamén un viño mentres enchían os vales do sorteo por tódalas súas compras: queixo do Rexo e varios quilos de castañas.

Así, a feira continuará hoxe ata a última hora da tarde, e volverá ofrecer “showcooking” pola mañá e outro obradoiro para cativos pola tarde, ademais de tódolos postos que, sen dúbida, ofrecen produtos para tódolos gustos.

Contenido patrocinado

stats