Un percorrido pola olería a través da ollada do alaricano José Suárez
NIÑODAGUIA
O fotógrafo José Suárez, a quen se lle dedicou o Día das Artes Galegas 2026, enfocou o seu obxectivo na olería de Niñodaguia,narrando unha historia que percorrería o mundo
"Niño d’Aguia es un pueblito asentado sobre terreno arcilloso y enclavado en la alta montaña de una de las provincias de Galicia que cuenta con tantos viejos tornos de alfarería como hombres habitan en él”, escribiu a revista arxentina “Cinegraf” en xuño de 1937 nun artigo baixo o título “Cacharros”, onde fala sobre o documental que estaba a realizar o director e fotógrafo José Suárez, “Oleiros”, na que se recolle o traballo dos cacharreiros de Niñodaguia e feita en 1932, nunha realidade que dista moito da actual.
Esta serie, frustrada polo golpe militar de 1936, forma parte dun conxunto de documentais que Cifesa lle encargou a Suárez: Mariñeiros, Oleiros, Canteiros e Feirantes. En “Oleiros”, ao carón das fotografías de corte tradicional e costumista, aparecen as primeiras influenzas das vangardas e a “Nova Obxectividade”: a catalogación e serialización de obxectos, os picados e contrapicados... “Isto todo está en ‘Oleiros’ dunha forma u outra”, afirmou o seu sobriño Xosé Luis Suárez Canal.
A serie “Oleiros” está exposta no Museo da Olería de Niñodaguia dende 2021, cando Xosé Luis a cedeu “para que teñan un recordo de como era antes a olería, e do meu tío”. As 24 imaxes narran o proceso do barro, dende a súa extracción, pasando polo modelado, a “danza” das apañadeiras, o “bautismo lume” do forno, o secado e a súa venta na feira, mostrando imaxes da feira de Allariz naquel ano 1932.
No artigo “Cacharros” nárrase unha escena na que a chuvia bota a perder o traballo de varios días dos oleiros, pois só dispoñen dos fornos ao aire libre da aldea. “Y cuando se pregunta a las gentes de Niño d’Aguia, cuyo trabajo de días acaba de ser destruído, por qué no construyen hornos cubiertos, se escucha la frase: ‘Señor, por hacer uno nos cobran mil pesetas y no fué posible reunirlas’. Y así seguían de año en año y así hubiesen seguido si otra tormenta no se hubiese precipitado sobre España”.
“O meu tío dicía que nas súas fotografías sempre estaba o home, ou polo menos a súa pegada”, dixo Xosé Luis, aclarando que Súarez “preocupábase moito pola artesanía, el sabía que ía desaparecer pero quería que quedase a pegada patente, creendo que a tradición ten un peso”, un vaticinio que se fixo realidade polo empuxe do progreso, no que a industrialización asoballou á tradición.
Niñodaguia, na que actualmente xa non quedan tantos tornos como homes habitan nel, revivirá este sábado as imaxes que Suárez plasmou coa súa Fornada tradicional, na que os vellos fornos volverán prenderse, as apañadeiras volverán ‘danzar’ cos cacharros, o barro volverá a ser o protagonista, e os asistentes poderán achegarse ao museo para desfrutar dunha historia en 24 imaxes que fala da identidade do pobo galego ao tempo que a poden vivir en carne e oso.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DÍA DAS ARTES GALEGAS
Allariz estrea o ano José Suárez vestindo as rúas coa súa obra
"DÍA DAS ARTES GALEGAS"
Galería | Allariz rende homenaxe a José Suárez no Día das Artes Galegas 2026
MEMORIA Y HOMENAJE
La “Festa do Boi” de Allariz rinde homenaje a Paco García
Lo último