O albergue de peregrinos de Sandiás renova a súa imaxe

foto1. reformas no albergue
photo_camera O frontal do edificio durante as obras.
Unha subvención de 48.392,03 euros da Axencia Galega de Turismo permitiu solventar deficiencias

Os peregrinos que se acheguen a partir de agora a pernoctar en Sandiás poderán gozar dunhas instalacións, que forman parte da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia, concretamente, do Camiño Sudeste-Vía da Prata; completas e renovadas. Unha subvención de 48.392,03 euros de parte da Axencia Galega de Turismo permitiu, entre xullo e agosto, solventar unha serie de deficiencias que presentaba este hospedaxe, construído no ano 2.000, e mellorar a súa imaxe. 

Entre outras intervencións, substituiuse a celosía de madeira da fachada principal mantendo a madeira orixinal de cedro do Brasil, realizouse un tratamento de limpeza das fachadas de pedra con sellado das carpinterías exteriores, repararonse as gretas nos muros e impermeabilizouse cun tratamento antihumidade -ademáis de pintura- a zona do formigón que conforma o porche da planta baixa. Do mesmo xeito, substituíronse dous apliques e un grifo, pintouse a varanda e o aparcabicicletas e arranxouse a sinalización do albergue con novos vinilos informativos e o escudo do concello. No interior foi preciso pintar, substituír as mamparas das duchas, a luminaria do espazo común, o timbre e  os cadros deteriorados que cubrían as paredes dos espazos.

A actuación completada no albergue de peregrinos de Sandiás permitirá acoller e mellorar os servizos que se lles ofrecen aos peregrinos que percorren o Camiño Mozárabe-Vía da Prata, un trazado que, tal e como afirmaron dende o Consistorio, conta cun “gran potencial de crecemento”. Ademais, é unha ruta que transcorre ao carón do complexo húmido Limia-Antela, polas areeiras de Sandiás e ao carón da Igrexa de Santo Estevo, a Vía Nova e a Torre Medieval de O Castro, un territorio singular que supón a mestura do patrimonio natural co patrimonio histórico e cultural.

O albergue de peregrinos de Sandiás está ubicado ao pé da Vía da Prata que cruza este municipio, entrando dende Xinzo a través das aldeas de Vilariño das Poldras e Couso de Limia. A idea orixinal do albergue de Sandiás xurdiu en torno a arquitectura dunha palleira tradicional. O edificio consta de dúas plantas e todas as estancias están abertas cara o espazo central a modo de patio.

Te puede interesar