O PP de Xinzo incide na “grave” situación das contas locais

1663086240793
photo_camera Imaxe tomada durante a sesión plenaria no que se debatiu o reparo suspensivo. (Paula Palomanes).
Insisten en que o gasto superouse en 800.000 euros, pero a alcaldesa asegura que dito cálculo está descontextualizado.

O Partido Popular de Xinzo volve a insistir en que a situación financieira que atravesa o ente local non é boa e quere poñer en coñecemento dos veciños novamente “o alarmante informe de reparo suspensivo que a interventora municipal emitiu pola mala xestión do goberno cuatripartito”. 

Logo de tratarse e debatirse en pleno a pasada semana esta cuestión administrativa -significa que a Invervención non autoriza o pago dunhas facturas que suman, na súa totalidade, 164.000 euros; ao non existir liquidez nas bolsas vencelladas xurídicamente- o PP local denuncia “a falta de transparencia e as irregularidades nas que, de forma continuada, está incorrendo o cuatripartito a pesar das innumerables advertencias e informes negativos por parte dos técnicos municipais”. 

Por outra banda, os populares acusan ao goberno local de ter “varios alcaldes que van por libre”, os cales “gastan sen control” para ver cal se situa mellor de cara as eleccións de maio do 23, sen importarlle colocar ao Concello de Xinzo nunha grave situación económica”.  

Ademais, o grupo da oposición asegura que “segundo a interventora” o equipo de Elvira Lama “superou os gastos correntes no que vai do 2022 nada menos que en 800.000 euros por riba do límite do plan de axuste establecido”. 

RESPOSTA

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, non quixo entrar novamente a valorar as palabras dos seus adversarios políticos, aínda que si considerou necesario matizar o extremo que ten que ver co suposto gasto de 800.000 “enriba do límite do plan de axuste”. Sobre esta cuestión,  a rexedora socialista apuntou que o PP baséase “nun informe que había  e que non se axusta á realidade. Esas cantidades están sacadas fóra de contexto e son unhas estimacións realizadas a data 2014. A situación do Concello de Xinzo dende entón cambiou sustancial e sustantivamente”.

Te puede interesar