Sandiás celebrará ata febreiro 20 eventos culturais

Dende o Consistorio sandianes aseguraron que todas as iniciativas previstas levaranse a cabo cumprindo co protocolo de seguridade ao que obriga a pandemia da covid-19. 

O Concello de Sandiás celebrará ata o vindeiro mes de febreiro unha vintena de actividades culturais dentro do “Outono e inverno culturais de Sandiás”. O programa, confeccionado dende o departamento de Cultura que dirixe Pepe Gándara, incluirá iniciativas lúdico-deportivas como un obradoiro de ximnasia de mantemento; actividades culturais, educativas e artísticas, como un taller de pintura e restauración; xornadas micolóxicas, a presentación do libro “O instinto de Alazán” -sobre o Camiño de Santiago-, un clube de lectura interxeneracional, a programación de Nadal, a cuarta edición de Trouleando por Sandiás con motivo do Entroido, a presentación da web turística do Concello de Sandiás, ou un obradoiro de alfabetización dixital. 

Por outro lado, o “Outono e inverno culturais de Sandiás” incluirá tamén exposicións temporais de pintura e de restauración, campañas solidarias como a de recollida de alimentos, ou conmemoracións como o Día Internacional contra a Violencia de Xénero -na que se celebrará unha concentración e se dará lectura a un manifesto- ou o peche do quinto centenario da construcción da Igrexa de Santo Estevo de Sandiás. Ademais, celebrarase o día dos humidais. 

Dende o Consistorio sandianes aseguraron que todas as iniciativas previstas levaranse a cabo cumprindo co protocolo de seguridade ao que obriga a pandemia da covid-19. 

O rexedor local, Felipe Traveso, explicou que o obxectivo pasa porque “o plan variado de actividades” no que se tratou de mesturar idades e intereses distintos sexa do agrado de “veciñas e veciños, nenos, xóvenes e adultos”. Do mesmo xeito, o alcalde da localidade invitou á veciñanza “a participar e implicarse nos actos programados”. 

Para inscribirse en cada unha das propostas será necesario atender ás distintas publicacións que se irán difundindo nas vindeiras semanas con toda a información necesaria, tal e como explicaron dende o Concello.

Te puede interesar