Tesoros de Ourense | Rairiz de Veiga, veigas con historia

TESOROS DE OURENSE

Carballeiras, soutos e veigas dominan o territorio e tamén os versos do seu poeta máis senlleiro, Antón Tovar. A súa pegada histórica mestúrase coa tradición e o esplendor dunha paisaxe que paga a pena desfrutar

Publicado: 17 nov 2024 - 07:00 Actualizado: 17 nov 2024 - 17:03

Tesoros de Ourense | Así é Rairiz de Veiga

Unha historia con pegada e unha paisaxe que aínda conserva abundante e variada vexetación autóctona, a base de carballos, castiñeiros e outras especies propias do clima oceánico, especialmente todo o val do Limia, recollido como espazo natural protexido. Así éRairiz de Veiga.

Dos castros aos pazos

Imaxe do Castelo da Saínza.
Imaxe do Castelo da Saínza.

Na comarca atopáronse restos de poboamentos palafíticos, tan propios da natureza lacustre da Veiga (feitos a base de madeira e barro), de planta circular e paramentos de cestería. Da cultura castrexa hai igualmente moitas manifestacións, algunhas anteriores á Idade de Ferro. En Rairiz haberá que citar: Monte Albán (Sabariz), xacemento escavado por Cuevillas e Risco (nas que se atopou un rico enxoval de cerámica campaniforme e outros materiais). De singular importancia para este territorio é a pegada romana; foi factor senlleiro a rede de rutas trazada logo de que as lexións de Roma traspasasen o Río do Esquecemento, o noso río Limia. Unha das máis importantes vías, a que Antonino no seu itinerario denomina vía XVIII ou Vía Nova, a que enlazaba Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga). Na provincia de Ourense cruzaba o Limia na Ponte Pedriña, entrando na depresión do Antela, xa na marxe dereita do río, precisamente nas terras do actual termo municipal de Rairiz.

Da arquitectura militar houbo unha importante mostra en Rairiz, concretamente a Torre de Celme, da que neste momento non quedan vestixios.

Da época de esplendor dos pazos, o concello de Rairiz de Veiga conta co pazo de Santa María de Ordes, conxunto de casas brasonadas e capela (hoxe en día aparecen moi transformadas). De estilo Románico está a igrexa de Santo André de Guillamil. A igrexa de Santa María de Lampaza e a de San Xoán de Rairiz de Veiga son do século XVIII, coa clásica portada renacentista.

As mostras do Barroco atopámolas en San Martiño de Candás, Santa Mariña de Congostro, Santa María de Ordes e San Pedro de Sabariz. A xustiza ordinaria na antiga xurisdición de Rairiz de Veiga correspondíalle ó Conde de Monterrei, auténtico administrador e propietario das terras correspondentes a seis parroquias. O resto do termo pertencía ó señorío do Conde de Moctezuma, que administraba as parroquias de Congostro e Ordes. O sistema feudal perdurou ó longo dos séculos, aínda que a división administrativa en concellos é anterior. A mediados do século XIX queda constituído o Concello de Rairiz de Veiga.

As Veigas

Entrada a Santo André, aldea adicada ao turismo rural.
Entrada a Santo André, aldea adicada ao turismo rural.

As Veigas da Saínza, Ordes e Congostro conforman un lugar de Interese Comunitario. Trátase dunha valgada encharcada por mor da lenta drenaxe, que ocupa unhas 1.500 ha. O significado máis común de “veiga” é pasteiro húmido. O asolagamento nas estacións húmidas confírelle unhas especiais condicións ás zonas húmidas e ás carballeiras. Nelas conviven gran diversidade de especies, anfibios e aves, así como unha rica flora lacustre. Inclúense na Rede Natura 2000, iniciativa europea que ten como obxectivo “garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e a flora e a fauna silvestres”. Ademais forma zona núcleo da Reserva da Biosfera Área de Allariz.

As veigas configuran unha valiosa testemuña da paisaxe tradicional. Trátase dun dos poucos territorios da Limia que aínda conserva a paisaxe dos tempos da Lagoa de Antela. Posúe un extraordinario interese paisaxístico e etnográfico, e conserva como actividade principal a agricultura.

Congostro

Conxunto etnográfico de Congostro.
Conxunto etnográfico de Congostro.

O valor máis importante reside no seu patrimonio etnográfico con elementos de arquitectura popular como muíños, fornos ou cruceiros, así como na súa conformación, conservando as características da aldea limiá tradicional: rúas estreitas e casas moi agrupadas arredor das airas, concentración de canastros como o da Aira da Moa, etc. O Centro de Interpretación alberga unha exposición sobre a historia e a etnografía de Congostro, así como unha mostra explicativa da Vía Nova. Saíndo de Congostro cara San Miguel atopámonos a aldea rural de Santo André. Consiste nun pequeno grupo de casas illadas, totalmente restauradas. Dende elas podemos divisar Congostro dentro do contexto da comarca da Limia á que pertence: a súa situación xunto co ambiente familiar no que un se atopa aquí, fan deste espazo un lugar realmente acolledor e tranquilo. Tamén pódese facer unha ruta que arranca de Congostro, do lugar chamado A Rebulleira. Apenas se pisa o asfalto. É un itinerario moi interesante pola paisaxe e as construcións populares. O percorrido faise sempre cara a arriba. A San Miguel chégase cando se levan 19 minutos de andadura; trátase dunha aldea que a pesar de ter algún elemento de materiais novos, preséntase ben conservada, cunha boa colección de canastros.

Dende a Romaría da Saínza ata unha Feira etnográfica

Rairiz destaca pola paisaxe da súa Rede Natura e da Reserva da Biosfera.
Rairiz destaca pola paisaxe da súa Rede Natura e da Reserva da Biosfera.

Festa de Interese Turístico Galego, a Romaría da Saínza conta cunha forte compoñente identificativa para os limiaos. Esta romaría vense celebrando desde 1840, data na que se incorpora o Combate de mouros e cristiáns, congregando cada domingo próximo ó 24 de setembro a miles de romeiros. No campo do castelo da Saínza ten lugar o Ataque, representación da batalla entre os dous bandos representantes do ben e do mal, que finaliza coa vitoria dos cristiáns sobre os mouros e a queima do castelo rebelde.

Ademais, a feira da Saínza celébrase o 23 de cada mes no campo da Saínza. Alí acoden polbeiras e ferradores de cabalerías, e dende o concello incentívase con éxito, xa que están acudindo vendedores de plantas, froitas, roupa, zapatos, e é un lugar de encontro para a xente do concello e para os municipios limítrofes.

Pola súa banda, a Feira etnográfica da Pereira, que en tempos pasados se celebraba de forma mensual e que desapareceu, foi recuperada polo concello como unha celebración cultural desde o ano 1995. É unha Feira anual que se realiza na Pereira, aldea natal de Antón Tovar, o primeiro domingo do mes de agosto. Celébranse actos culturais na lembranza de Antón Tovar, con outras actividades e actuacións. Hai polbeiros e ferradores de cabalerías. Dende o Concello recuperouse esta feira que tivo grande importancia en tempos en que A Pereira era capital do Concello. Esta feira celébrase na actualidade o primeiro domingo de agosto, data na que acode moita xente por ser época de vacacións, na que non falta polbo, cabalerías e tamén música tradicional galega para animar a velada. Aprovéitase este día para lembrar a Antón Tovar, escritor nado na Pereira, no que cada ano se le algún poema do autor. Para isto cóntase coa colaboración do veciño, amigo, escritor e catedrático, Delfín Caseiro, gran coñecedor e divulgador da obra de Tovar.

Contenido patrocinado

stats