Allariz incrementa nun seis por cento a reciclaxe

Dende o goberno municipal do Concello de Allariz fan un balance positivo con estes datos da man, asegurando que reflicten un “compromiso” de parte dos veciños e do sector comercial

Os veciños de Allariz seguen unha liña ascendente en materia de reciclaxe de residuos. Segundo os últimos datos facilitados polo Concello, a taxa de mellora é dun seis por cento con respecto ao ano pasado e a falta de pechar os últimos tres meses deste 2022. 

Por sectores, os datos vencellados á recollida de vidro amosan unha subida de 10.000 quilos máis con respecto a setembro de 2021. Neste ano chegouse aos 164.660 quilos de este elemento. Por outro lado, no tocante á recollida de envases, é dicir, aqueles que se depositan no colector amarelo, o incremento foi de 7.040 quilos se se compara a recollida actual, concretamente, 129.740 quilos, coa reciclada en setembro do pasado 2021.

Dende o goberno municipal do Concello de Allariz fan un balance positivo con estes datos da man, asegurando que reflicten un “compromiso” de parte dos veciños, así como do sector comercial  na aposta pola sostibilidade e o coidado do medio ambiente que, en Allariz, “se fomenta dende hai anos”.

No Consistorio fan un chamamento a aqueles veciños que aínda non practican unha “separación” que é “obrigatoria”, segundo as ordenanzas municipais, para que se involucren no proceso:  ”O futuro do planeta e de Allariz depende das acción positivas de todos e cada un de nós, resultando imprescindible o compromiso da cidadanía para manter o avance nos datos de reciclaxe, pero tamén na redución da produción de lixo”, remarcaron.

Te puede interesar