limia, o río do olvido

Os escravos romanos colocaron una lousa no foro de Roma, logo colocaron outra diante da primeira, despois outra e máis outra e así, lousa tras lousa sementaron de vías o imperio. Despois de moitas andainas, os milites romanos chegaron ós limes de Gallaecia: o río Limia. Ante diem sextum kalendas Martias, 138 a. C., os soldados romanos quixeron ver no río Limia, ó río Leteo, o río dos esquecementos da mitoloxía grega.
Di a lenda que ante a negativa do seu exército, o xeneral Décimo Bruto, alcumado 'O Galaico', máis bruto cá un arado romano de pau de freixo, pasou á outra orela enarborando un estandarte como sinal de vitoria. E disque comezou a berrar os nomes dos soldados que esperaban na banda de alá do río do olvido, demostrando deste xeito que a súa auga non lles lavaría a memoria. Caprenius Rusticus, berrou o nome do primeiro soldado, que fora recrutado con dúas cabras nos montes etruscos. Aulus Reburrus, berrou, un mozo repetidor da ESOR da Academia Palatina. Florius Amor Eunucus, enganchado pola leva mentres atizaba o lume das virxes vestais. Flacius Flaccus, o miles que estaba a tentar coa man se un oso lle comera a chicha dos ósos das canelas. Veranius Ostianus Postumus, levado polo cónsul patricio para a campaña do xeneral Galaico, cando coidaba das hamacas na praia da Ostia, con perdón. Disque axiña os demais soldados se decataron da cousa, cruzando o río.

Mais como a lenda debía seguir, un soldado, despois de atravesar o río Limia, parecía ido nos biosbardos.

-¡Canta o teu nome, soldado! -díxolle o xeneral-.

-¡Ninguén! é o meu nome -contestoulle a secas-.

-E logo, non te chamas Vinicius Caldius? -dixo Bruto-.

-Vinicius: doce viño do olvido; Caldius: o demo que fai ferver os caldos nas adegas, onde se evaporan os esquecementos -dixo polo baixo o soldado descarreirado-.

Te puede interesar
Más en Cartas al director