MAÑÁ DE RUÍDO

Esperto cedo.
Máis cedo que outras mañás de domingo. A auga morna agarda por min na ducha. Sacúdome a preguiza e saio a mercar o xornal. Xunto coa miña compañeira, concedémonos o capricho de almorzar nunha cafetería. Ela marcha axiña. Eu fico coa compañía das noticias. O ambiente desta mañá ten un latexar distinto. É día de eleccións e todo semella posuído por un espírito raro. Non sei. Decátome de que a xente tampouco ten moita ansia por xogar. As forzas de orde pública teñen tomada a vila. Orde. Autoridade. Desconfianza, tamén. Algún medo parece agocharse en calquera esquina. Aínda así, a xente na cafetería opina, debate, cada quen expón a súa verdade. A súa. De ninguén máis. Iso é a democracia. Din. Eu, sigo ao meu. Paso páxina do xornal e despois sinto a necesidade de escribir esta carta. Seguro e tranquilo, pido outro café. Confío máis no café quente que acaban de servirme que en calquera outra opción que quixeron ofrecerme. Teño a impresión, tamén, de que o acontecemento do día non vai botarme de menos.

Te puede interesar
Más en Cartas al director