Literatura

Marilar Aleixandre triunfa nos premios Eduardo Blanco Amor

undefined
photo_camera O xurado do certame, onte no Pazo provincial.
O xurado considerou por unanimidade que o galardón debía ser para a novela "As malas mulleres"

Marilar Aleixandre é a gañadora do XXXIX Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra "As malas mulleres", na que a escritora relata a historia das coñecidas como "visitadoras de cárceres". 

O xurado, reunido onte no centro cultural Marcos Valcárcel, escolleu por unanimidade a obra gañadora de entre un total de 32 orixinais presentados a este certame, organizado pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, e dotado cun premio de 15.000 euros. 

A novela gañadora, "As malas mulleres", retrata o tramo final do século XIX a través dunha historia conducida polas personaxes centrais do relato, Juana de Vega e Concepción Arenal, e na que segundo reflicte a acta do fallo "recoñece e destaca, literariamente, o traballo das chamadas visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras". 

Marilar Aleixandre, bióloga e catedrática "ad honorem" da Universidade de Santiago de Compostela, ten unha recoñecida traxectoria na escrita galega. Autora do primeiro libro de ciencias en galego, Aleixandre ten unha ampla carreira como narradora, poeta e ensaísta, sendo ademais académica de número e membro da directiva da Real Academia Galega. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova á escritora, felicitándoa polo premio, así como tamén aos membros do xurado polo seu traballo. 

O acto de entrega celebrarase o premeiro día de decembro ás 11,00 horas no Pazo Provincial, data na que se cumpren 41 anos do pasamento de Blanco Amor. 

O xurado estivo integrado por Luis González Tosar, como presidente; María Canosa, secretaria; e Avelina Rodríguez, Luciano Rodríguez e Xan Carballa, como vogais. 

Coincidindo coa próxima convocatoria deste galardón, que en 2021 alcanzará a súa 40 edición, a Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco Amor proxectan ampliar a repercusión do certame, con máis iniciativas para impulsar a participación e promover unha maior difusión e valorización da figura do escritor ourensán. 

Te puede interesar