Noela Blanco: “Ás políticas do PP fixeron de Ourense un deserto de oportunidades"

photo_camera A Noela Blanco gústalle especialmente o claustro de San Francisco.

Noela Blanco (Ourense, 1980), brillou na comida-mitin con Pedro Sánchez e Leiceaga por un discurso apaixonado e por reclamar a presenza no estrado dos compañeiro da candidatura do PSdeG para amosar unha unidade as veces cuestionada.

"Ninguén o sabía", confesa. Filla de sindicalista, licenciada en Ciencias Ambientais e técnica en excedencia en Sogama, gústalle pensar por si mesma. 

Cando lle comezou a tirar a política?

Creo que dende sempre, quizais porque o vivín na casa en primeira persoa porque meu pai ten unha actividade sindical e política moi potente. Miña nai tamén é moi progresista aínda que el sexa o coñecido. Estudei en Cádiz e foi unha época de revolución estudantil co Nunca Máis e a guerra de Iraq. Logo o 15-M foi un movemento que nos fixo reflexionar a todos os partidos políticos e afilieime no PSdeG hai nove anos.

Supoño tería problemas na casa porque seu pai, Etelvino Blanco, é un histórico dirixente da CIG?

(Ri). Para nada. Nós temos un debate tranquilo dentro da esquerda. Temos moitas coincidencias, tamén piques, aínda que as liñas xerais son semellantes. 

Entón votará pola filla?

Esa é a eterna pregunta. Eu tamén fago campaña na casa, pero tenllo que preguntar a el porque o voto é segredo.

Quen é seu referente político?

É certo que a figura do meu pai influíu moitísimo, pero non me gusta idolatrar a niguén. Dende sempre valoro moitísimo o traballo dos compañeiros nos concellos nos que é difícil facer política e onde ser socialista segue sendo un problema. Non é un mito, a presión do PP segue sendo enorme. 

Entrou no Parlamento pola dimisión de Pachi Vázquez. Era ‘Pachista'?

As etiquetas non me gustan. Eu son socialista. Respecto moitísimo tanto a Pachi como a todas as persoas que estiveron á fronte do PSdeG.

Que queda do ‘Pachismo'?

Non o podo definir nin encadrar. A relación é moito mellor do que se proxecta nalgunhas ocasións. 

Xa que falamos de familias, non é a do PSOE moi indiscreta ao airear disputas internas?

A min nunca me escoitou ninguén falar de temas orgánicos ou de asuntos internos. Creo que hai que tratar as discrepancias no seo do partido, aínda que tamén respecto a quen o faga fóra. Quizais se nos note máis a nós porque esa riqueza e diversidade tamén forma parte do que somos. 

Foron os últimos meses no Parlamento un cursillo acelerado?

Foi todo rapidísimo. Nunca tivera ningún tipo de responsabilidade institucional e colleume un pouco por sorpresa. Entrei e nuns meses pasei de sentarme na última cadeira do Grupo Socialista a facelo diante. Estar na dirección fíxo que tivera que poñerme as pilas e traballar moito máis. 

Pasouno mal, como cando unha parte do grupo pediu a dimisión da dirección por non nomear senador a Méndez Romeu?

Hai momentos complicados e foi un deles, pero supoño que pasa en organizacións de todo tipo. Síntome tremendamente orgullosa da miña compañeira e voceira Patricia Vilán, que fixo e fai un magnífico traballo. 

Quen lle propuxo nas pasadas eleccións ir nas listas?

A Executiva provincial foi a que tomou a decisión de que fora de número cinco na candidatura. Sorprendeume, pero sempre estarei onde crea máis convinte o partido.

Desta volta deu o paso para encabezar a candidatura. 

Reflexioneino moito, consulteino con varios compañeiros antes de dar o paso porque un ten que ter a suficiente humildade. Ninguén é imprescindible. 

No mitin-comida de Pedro Sánchez...

(Ri). É verdade que comemos un pouco máis tarde do habitual. 

Dixo que se cada un dos 300 asistentes convencen a dez e eses convencen a outros dez conseguirán encher as urnas. Que contas lle saen?

Podemos movilizar a milleiros de persoas para facer unha cadea humana que enchas as urnas de votos do PSdeG.

E traducido a escanos?

Non son amiga das enquisas, pero o noso obxectivo é o quinto deputado. Co escenario político actual é complicado facer pronósticos, pero teño claro que nos vai ir motio mellor do que se está dicindo. 

Entón non contempla o ‘sorpasso'?

Por suposto que non. 

Gústallle soñar?

Moitísimo. É imprescindible se estás en política. 

Sería partidaria de permitir o goberno de En Marea no caso de que sexan terceira forza e Feijóo non teña maioría absoluta?

Nós sempre tendemos a man ás forzas de esquerdas para acabar cun Goberno que fixo moito dano. Non me gusta facer cábalas, pero no Parlamento nos últimos anos votamos no 90% ou 95% unidos. Hai detalles que nos separan, pero na conxunción global podería haber entendemento detectando os problemas e buscando solucións. 

Agora soñe ao revés. En que melloraría Ourense se Leiceaga é presidente da Xunta. 

En moitísimas cousas, non só a nivel infraestruturas, senón que mellorarían os nosos sectores produtivos e xeraríase emprego . Non vimos a ofertar un parque acuático, senón a facer un plan de emprego que xere oportunidades para 10.000 mozos, xa que temos un grave problema demográfico cunha media de idade da pobación de 55 anos provocada por unha emigración masiva de xente nova que non atopa eiquí futuro. A metade da poboación reside na cidade e as políticas do PP converteron a provincia nun deserto de oportunidades. 

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S