María Mera: "Lixo ou tesouro' fai que o público quede todo o tempo coa curiosidade"

María Mera amosa o cartel do novo concurso “Lixo ou Tesouro”.
photo_camera María Mera amosa o cartel do novo concurso “Lixo ou Tesouro”.

María Mera é a presentadora do concurso da TVG “Lixo ou Tesouro”

Onte a noite estreouse na TVG un dos concursos máis esperados, “Lixo ou Tesouro”, producido por La Región TV e Cuarzo Producciones. Presentando este novo programa está María Mera (Boqueixón, A Coruña, 1986), quen nos conta cal é o segredo do éxito deste formato.

Onte estreouse o primeiro programa de “Lixo ou Tesouro”. Que valoración fas? 

É un programa que eu creo que a xente lle gusta porque o máis bonito é que poden xogar dende a casa con nós. Ao final facemos tele para entreter, para que a xente o pase ben e se divirta e este é un programa para iso. Como concurso que é, temos dous concursantes, pero a xente dende a casa tamén vai xogando con nós intentando adiviñar cal é o obxecto máis valioso tendo en conta que normalmente as aparencias enganan moitísimo.

Cal é o segredo do éxito deste formato?

O segredo é que engancha porque comezas a ver os doce obxectos e quedas coa curiosidade sobre o que son, canto custan e canto diñeiro van levar  a súa casa os concursantes.

Que é o que máis lle sorprendeu do concurso?

A maneira na que actúan os concursantes, ás veces entran como moi seguros e de repente son moi influenciables por calquera cousa que escoitan e dubidan moitísimo. Nalgunha ocasión hai algunha parella de concursantes que coñecen algún obxecto e saben canto pode custar, imaxina arredor de dous mil euros e, de repente, en vez de ao mellor quedarse con ese van cambiando pola ambición de conseguir eses cinco mil euros. 

Sorprendeume moito ver a actitude dos concursantes fronte ao que tiñan, como cambian de parecer ou se deixan levar un polo outro. A verdade é que fixen unha reflexión bastante importante de como somos os seres humanos de influenciables e como nos poden manipular dependendo en que situación esteamos.

A nivel persoal como te sintes ao fronte de este proxecto?

A verdade é que para min é unha novidade dentro de todo o que fixen xa porque nunca presentara un formato de concurso. Para min era un formato novo, tiña ganas porque todo o novo paréceme interesante e logo tiven a sorte de traballar con Alberto del Pozo, que é o noso director e ten un currículo incrible, de feito dirixiu a versión de Aragón, entón tiven a sorte de aprender moito de el.

Cree que o audiovisual galego está  vivindo o seu mellor momento?

Si, eu creo que co paso dos anos fomos afianzando o que valemos e que cada vez que un galego sae da súa terra ten éxito en calquera produción, entón agora xa cada vez prodúcese máis aquí e a un nivel nacional. Galicia xa é un referente en canto aos produtos audiovisuais que facemos e o merecemos porque traballamos moito e moi ben.

Cales son os próximos retos de María Mera?

Eu son unha persoa que sempre me apetece moito facer cousas que me saquen do que eu son, cousas que sexan moi diferentes, por exemplo o concurso apetecíame porque nunca presentara ningún, entón como presentadora ou actriz sempre que sexan propostas arriscadas a min encántame. Esta é unha profesión moi complicada na cal é moi difícil manterse durante o tempo, eu por sorte xa levo arredor de catorce anos no audiovisual e o meu reto é seguir traballando do que me gusta que é o que máis feliz me fai e que me sigan chegando propostas diferentes, que non me encasillen nun perfil.

Volveremos a ver nas pantallas a Eva Mayo (personaxe de María Mera en “O sabor das margaridas”)?

Ay esa pregunta (sorrí). A verdade é que sería un soño, de feito os guionistas da serie tiñan medio adiantada esa terceira e última tempada para pechar este ciclo de Eva Mayo, pero por agora non hai noticias de que se vaia facer. Eu sempre quero pensar que algún día si, pero non teño a resposta. Oxalá que si.

Te puede interesar