Dona Emilia ao sol

A autora alónxase das premisas do naturalismo de “Los pazos de Ulloa”, e céntrase máis no estudio psicolóxico das personaxes, empregando una inusitada e complexa técnica narrativa que a acerca á narración espiritualista

Publicado: 04 jun 2021 - 05:30 Actualizado: 04 jun 2021 - 20:23

Emilia Pardo Bazán.
Emilia Pardo Bazán.

Leo esta novela da Pardo Bazán, edición modélica a de Sial/ Pigmalión cun prólogo que convida a ler e non a pensar que que listo é o prologuista, a cárrego de Miguel Losada, e que conserva as ilustracións orixinais, de Cuchy, da edición príncipe.

Leo con pracer esta noveliña, pouco máis que unha nouvelle no tamaño, que non na intención

Leo con pracer esta noveliña, pouco máis que unha “nouvelle”, no tamaño, que non na intención. Lonxe Insolación de certas feituras costumistas, ao Fernán Caballero, rebaixado o naturalismo do que se chamaba Dona Emilia, marcada a novela pola calor á que nos remite, centrada nun día de San Isidro, 15 de maio, pois, na “pradera” madrileña homónima. Nela, unha “viudita”, aires con “Pepita Jiménez”, cruel Don Juan Valera definindo á Pardo Bazán como “sandía con patas”, termina caendo nas poutas dun seductor xerezano. Aquí debo discrepar do sotaque andaluz de Pacheco, o tenorio en cuestión, como nas “gallegadas” dun garda, parente veciño de Xan das Bolas. Ora, nada que non fixesen ao respecto os autores do realismo español, de orella torpe tratándose de acentos “da provincia”, incluidos as deles mesmos.

pigmalion
pigmalion

O mellor desta novela, ademais da influencia do sol (Camus, o de “O estranxeiro”, pouco que ver con este choio, en materia solar, dígase o que se diga) e o alcohol, é ver unha muller, trasunto un pouco da propia autora, desfacéndose das rendas que a sociedade burguesa lle quere aplicar. O pobo, e nesta historia hai moito, cómplice duns amores, se non adúlteros, prohibidos. O único que botei en falla, o “progreso” dun xesuita, o Padre Urdax, que se anuncia, tamén nas ilustracións, mais que non dá avanzado. E é que raro o novelista realista que non nos dispoña un crego. Tamén botei de menos un pouco máis de sal e pementa para o artilleiro galego Pardo, non casualidade o apelido dun home que ten cousas da Pardo Bazán, heteredoxa que foi a súa vida conxugal, separada mais vivindo, clandestinamente, a “simpatía sexual” ou “amor” que aquí se citan, con Benito Pérez Galdó, Lázaro Galdiano, e algún outro. Que Dona Emilia foi muller bragada (ou sexa, brava, valente) mais, sobre todo, moi boa escritora. Aspecto que se está esquecendo nun centenario no que prima o protofeminismo da dona, por exemplo. Cando debera contar Los pazos de Ulloa. Ou Insolación.

Libro Insolación

Editorial Pigmalión

Autor Emilia Pardo Bazán

Precio 20 euros.

Contenido patrocinado

stats