Moi grande, Rosalía

O autor analiza o último disco da artista española, "Motomami", da que lle chama especialmente esa voz tan flexible, que vai da dozura baladista (fermosísima "Hentai") ao punto agudo que se achega ao flamenco

2022040805232787286
2022040805232787286

Hai moita xoldra, mesmo mofa, a conto de algunha das letras do último disco de Rosalía, esa cantante catalana que, debo dicir desde a autocrítica ao Machado de -ás veces- desprezar canto ignoro, tiña no “ghetto” do descoñecemento. Letras que riman “bike” con “ride”, nunha canción cantada en español pavero. O nas que di que o primeiro é “Dios”, o segundo “chingarte”. Claro, con ese criterio o noventa por cento do xénero “popular” é totalmente risible.

Desde “La vaca lechera” a “Y cómo es él” (coa pregunta inefable dun homiño á muller que se ve con outro: “¿a qué dedica el tiempo libre?”). Distinto as cancións folclóricas; sosteño que “Ai, Pepiño, ai non” é unha xoia poética, que admite lectura exenta da música e, ademais, que é o antecedente de “Los otros”, de Amenábar.

Déanlle unha volta e verán se teño razón. De maneira que me fixen con “Motomami”; homenaxe, seica, á mamá motorizada de Rosalía; mais é a avoa é a dona que bota unha parolada cando o disco está a rematar. Tanto ten, esa canción e outras da primeira parte do disco teñen que ver co rap, o trap e o reguetón, ou sexa o menos dixerible para os vellos roqueiros cal quen isto asina. Nun principio. Que se pos interese a cousa xa vai cadrando, e a voz de “gattamelata” de Rosalía, cal o alcume do “condottiero” aquel inmortalizado por Donatello en Padua, fai bo todo, canxa, e mesmo apetece mirar as imaxes, dun erotismo previsible de máis, que acompañan as cancións, “latinas” de Rosalía, as primeiras, nas redes que fan da mocidade redeiros intensivos.

Ah, mais logo chouta a Rosalía que máis me chama e fai de mín rosalián compulsivo (da De Castro, moito máis, iso si). Trátase desa voz tan flexible, que vai da dozura baladista (fermosísima “Hentai”) ao punto agudo que se achega ao flamenco. É a Rosalía de “Bulerías”. ¿Flamenco ou flamenquito? Eu diría que o punto medio. Non, non é “cante jondo”, mais tampouco esa copla hiperbolizada que outros fan medrar. Rosalía chega moito máis lonxe e eu debo, sen contrariarme, cantar a galiña do meu erro. O que me vai levar, a fondo, a (re)coñecer a discografía desta cantante. Á que decidín incorporarme logo de escoitarlle “Me quedo contigo”, na gala dos Goya (1919). Un vello tema de “Los Chunguitos”, para que todo cadre.

TÍTULO:MOTOMAMI | AUTORA:ROSALÍA | EDITORIAL: COLUMBIA RECORDS | PRECIO: 17,95 EUROS

Contenido patrocinado

stats