DIARIOS DO PASADO
Quilates, algarrobas, romanos e suevos
A TIRITA
Vivo cerca de Compostela. Levo algo máis de trinta anos asentado no val da Maía. É o lugar do mundo no que teño vivido durante máis tempo. De onde son eu? Teño entendido que un ven sendo de onde ten enterrados ós seus mortos.
Daquela eu sonlles de Allariz onde, a maior abundamento, resulta ser o lugar onde a miña nai tivo a ben botarme ó mundo. Vivín entre Ourense e Pontevedra, primeiro; logo, vivín n’A Coruña e tamén na hoxe capital de Galicia. Tamén vivín no mar; xa saben, homme libre tu aimerás toujours la mer, segundo nos deixou indicado Baudelaire. Pola súa parte, Unamuno e antes Aristoteles deixaron escrito que hai tres clases de entes, a saber, os vivos, os mortos e os mariños. Vivín no mar a vida propia dese terceiro ente. Fáltame morrer. Pero millor agardar un pouco, digo eu.
De onde son? Podo falar, chegado o caso, de Ourense e dos toliños que daban volta tras volta pola rúa do Paseo, pero tamén da xente que volta vai, volta ven, miraban pra eles e sorrían. Podo falar da que o facía pola rúa da Oliva, en Pontevedra, cando non chovía, ou polos soportais da Ferrería no caso de que si o fixera.
Tamén podo falar dos cantóns coruñeses e da cafetería Galicia, onde exercía cátedra Marino Dónega, e non sei se tamén o meu bisavó Angel Vés Losada, alcalde accidental que foi da cidade, pequeno e rabudo, que por algo lle dicían a Pulga Rabiosa; ou mesmo de Lugo, onde o boticario Julio Castro Vés, fillo do tertuliano e tamén boticario que moito falou con Salmerón, o presidente da Republica que dimitiu pra non ter que firmar seis sentencias de morte.
Castro Vés, primo do meu pai, rexentou farmacia no 19 da rúa de San Pedro, proclamou a República dende o Concello e, chegados os tempos do precepto pascual, os cregos, coa axuda dos rapaces, pasaban por diante da súa botica cantándolle “Yo no voy a la iglesia/ porque estoy cojo,/ pero voy a la taberna/ poquito a poco”. El respondíalles co seu propio coro de mozos: “Yo no voy a la Iglesia/ porque no quiero/ mantener holgazanes/ con mi dinero”.
Conta don Ánxel Fole que Castro Vés foi membro da loxia Lucus número 5, membro do Partido Radical e que logo da Guerra Civil mudou pra Friol, onde tamén rexentou botica. En Friol seica andaba pola rúa acompañado de paxariños que revolotexaban enrededor seu, convocados polas migallas de pan coas que sempre os ia convocando. Algo ten que pasar porque, en Pontevedra, na esquina da Oliva con Riestra, o meu tío José Conde Vés tamén rexentou unha farmacia e, cando chegaban as festas da Peregrina e lle ían pedir cartos pró alumeado, respondíalles que mentres estivese Franco no poder el non estaba pra festas de ningún tipo. En vinganza, os membros da comisión de festas facían que no arco de luces diante da súa botica colgasen uns crespóns negros durante todas as festas do mes de agosto. O meu tío Pepe foi pedirlle ó alcalde, Filgueira Valverde, don Fernando, unha escaleira pra retirar os crespóns e non sei que lle respondería, pero os crespóns seguiron colgando ano tras ano.
Así que eu son de Allariz, son de Ourense, tamén son de Pontevedra e d’A Coruña, algo terei que ver con Lugo e non digamos con Brión logo de trinta e pico anos vivindo nel. Ou con Vilagarcía de Arousa, que tamén hai xente querida enterrada no seu camposanto. Quérese dicir con isto que me respondo que son galego, galego, galego. Espallados por Galicia teño mortos e mortos enterrados en non poucos lugares da súa xeografía, mesmo en Viveiro debo ter algúns, xa que os Vés chegaron alí desterrados que foron seica da raia seca de Cataluña e Aragón. Ou de Carballo onde meu avo paterno veu dar coa que sería a miña avoa Euloxia Vés Durán.
É esta miña unha longa digresión. Mesmo ten algo de impostura. Comecei cismando en que ía falar do Toñito que paseaba por Ourense, cantando pola rúa do Paseo ou nadando alá polos Caños, enfronte da praia fluvial de Oira onde Vicente Risco recomendaba acudir calzando zocos pra aproveitar a forza telúrica que emanaba. Tamén de Pontevedra e de Neno, de Corea, do Manoplas... todo con tal de evitar facelo da política que padecemos estes días e que tanta tristeza aporta. Disimúlenmo. Espero que saiban comprendelo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
UN 14,5% DE EMANCIPACIÓN
Un 85,5% de jóvenes no tiene acceso a la vivienda en España
DIECISÉIS ARTISTAS
Poetas de tres países unidos por las letras y la música en Ourense
RECLAMACIÓN AL EJECUTIVO
La Xunta pide debatir sobre la financiación autonómica