Convenio

Aever e Abanca colaboran para impulsar o tecido produtivo de Verín

aever y abanca_resultado (2)
photo_camera Firma do convenio na sede de Aever. (Foto: cedida).
O banco pon a disposición dos comercios verinenses un plan de financiamento

A Asociación de Empresarios de Verín (Aever) vén de renovar o seu convenio de colaboración con Abanca, nunha nova achega ás necesidades de crédito do tecido produtivo da localidade ourensá.

Deste modo, a entidade financieira comprométese "coa viabilidade e o crecemento do que supón un dos principais focos de emprego da provincia", segundo destacan dende Aever.

Santos Álvarez, presidente de Aever, e María José López, directora de zona de Abanca en Ourense, asinaron o documento a finais de semana, que reforza o compromiso da entidade financeira coas empresas de Verín, especialmente na situación de crise sanitaria e económica actual.

A través do convenio, o banco pon a disposición das empresas e dos comercios verinenses un plan de financiamento para responder de forma íntegra ás súas necesidades. Na oferta inclúense tamén solucións para as necesidades máis inmediatas, que permitirán ás empresas adecuarse ás demandas xeradas pola actividade do día a día. 

A maiores, o colectivo terá a súa disposición outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial ou avais, incluíndo diversas liñas de actuación no comercio exterior.

Ademais, os asociados tamén disporán das vantaxes que lles ofrece o programa Cero Comisións de Abanca, e o servizo de banca electronica e de TPV físico e virtual, algo que dende Aever "pensamos que este último é de gran importancia nos últimos tempos debido ás necesidades de distanciamento social creadas pola pandemia do coronavirus".

Te puede interesar