O actor Manuel Cortés: “As produtoras de fóra xa descubriron que rodar en Galicia é unha marabilla”

ENTREVISTA

O Festival Internacional de Curtas (FIC) “Vía XIV” de Verín chega este sábado á súa fin tras dez días de cine. Manuel Cortés volverá facer de mestre de cerimonias da gala final e entrega de premios, no Auditorio verinés, a partir das 21,00 horas

O actor, guionista e escritor Manuel Cortés (foto: Samuel Cortés).
O actor, guionista e escritor Manuel Cortés (foto: Samuel Cortés).

O polifacético actor, guionista e escritor, coñecido polos seus papeis en Mareas Vivas e As leis de Celavella, e integrante do grupo teatral Chévere, estará acompañado polos músicos Mr. Cool, Ton Risco e Álex Salgueiro.

PERFIL

Nome: Manuel Cortés

Lugar e data de nacemento: Vilardevós, 1966

AS FRASES

“Levo moito sen ser tradutor, pero traducín a Quim Monzó do catalán”

“Coa cultura en galego temos dúas opcións: padecer ou desfrutar”

“Con As leis de Celavella rodei 56 horas de ficción en apenas 14 meses”

Actor, guionista, poeta, escritor. Prefire o cine ou o teatro?

No mundo cultural galego é inevitable acabar escribindo, interpretando, ás veces dirixindo. Cine e teatro son completamente diferentes, non poría un por enriba do outro, son satisfaccións diferentes, maneiras diferentes de traballar. Co teatro, o contacto humano é un plus. Cando estás traballando, as reaccións son en directo, no momento, a tempo real. Cando fas televisión ou cine, hai que esperar un tempo, que se estrene, que a xente te pare pola rúa. No caso do teatro é todo moito máis agradecido. Incluso os fracasos son agradecidos.

Hai dous anos cumpríronse 35 anos de Chévere, a canteira teatral do país por definición, e da que forma parte integral.

Eu non estaría contigo agora nin sería o que son hoxe se Chévere non se tivera cruzado na miña vida, isto é así. Eu facía performances poéticas, e Chévere ofreceume traballo de actor profesional. Saltei ao mundo do profesionalismo directamente, sen pasar por ningunha escola nin curso, debido precisamente a esa falta de prexuízos que tiña a compañía, e que segue a ter. Simplemente mira o que lle convén á hora de facer as súas montaxes e conta coa xente máis conveniente. Naquel momento parecía que eu era un tipo axeitado para a primeira montaxe, que foi “Big Bang”, e aí empezou a miña historia artística. Sen Chévere eu non sería ninguén.

Se fora doctor, que diagnose faría sobre a cultura galega?

Pois é endemicamente achacosa. Está en permanente loita porque convive con outros mundos culturais, coa cultura en español, moito máis dominante e preponderante. A lingua española é a lingua de poder, e a galega é a lingua máis feble. Pero eu non teño tan claro que a cultura galega estea en crise. Ten que estar sempre alerta para non deixarse invadir por culturas máis poderosas e máis influentes, politica e economicamente. Cómpre estar aí, sermos orgullosos. Temos unha cultura que desde dentro é orgullosa, desde fóra non sei se se ve tanto así. Pero os que nos dedicamos ao mundo cultural, estamos orgullosos de facelo en galego. Estamos moi orgullosos de poder sacar adiante familias e proxectos desde a cultura xenuinamente galega.

Parece que sempre hai que estar xustificándose.

É inevitable, ocorre en tódolos estamentos debilitados para os que se pide unha discriminación positiva. Sempre respondes preguntas que noutros ámbitos non se fan. “Por que falas, por que escribes en galego?” Isto non se lle pregunta a ninguén que se expresa en inglés, en español, en portugués, en francés. Afortunadamente, cada vez hai máis xente galega que triunfa fóra de Galicia e que, á mínima oportunidade, aproveita para reivindicar de onde vén.

O cinema galego está a rexurdir con moitos autores novos.

É todo consecuencia de anos de facer as cousas ben, aínda que agora non se estean facendo tan ben. Como empezou a TVG? Potenciando a lingua, a cultura, algo que está nos seus estatutos. Éramos a envexa, e xa non o somos, da ficción propia. Máis alá de Mareas Vivas, que foi o pelotazo inicial, foi unha industria que se foi mantendo porque a Televisión de Galicia investía na produción de ficción. Por iso os produtores de fóra, que empezaron timidamente a achegarse por aquí, déronse de conta de que traballar en Galicia, cos técnicos que hai, coas posibilidades, recursos e localizacións que temos, fan que rodar aquí sexa unha marabilla. Agora estamos máis en precario, pola dependencia dese único cliente que é a TVG. Pero afortunadamente hai produtoras que se están abrindo a outro tipo de clientes, viñeron as plataformas, hai produtores que apostan por facelo orixinalmente en galego, e vaise podendo acceder á dobraxe.

Volve presentar a gala final do FIC, ao carón da casa.

Para min é unha ilusión, porque nos anos que levo nunca tiven moita ocasión de actuar en Verín. O ano pasado foi algo emotivo, como a volta do fillo pródigo que ninguén extrañou (ri). Este ano é un agradecemento que volvan contar comigo. É un pracer presentar un festival coma o FIC verinense. A xente que traballa no Festival Internacional de Curtas e fai posible un certame coma este é xente orgullosa do seu territorio, que pensa que dende aquí tamén se poden facer cousas para o resto do mundo.

Contenido patrocinado

stats