Monterrei

Verín recibe o arquivo histórico de Eloy Luis André

Monterrei

CULTURA

Verín recibe o arquivo histórico de Eloy Luis André

Carlos Thiebaut, Gerardo Seoane, Úrsula Luis-André e Diego Lourenzo na Biblioteca de Verín.
photo_cameraCarlos Thiebaut, Gerardo Seoane, Úrsula Luis-André e Diego Lourenzo na Biblioteca de Verín.
Os seus netos participaron nun acto no que se asinou o convenio da cesión do seu legado

A Biblioteca de Verín xa conta, de xeito formal, co arquivo histórico de Eloy Luis André. Trátase de 200 obras, revistas e xornais nos que colaborou este psicólogo e escritor verinés que viviu entre 1878 e 1935. Toda a documentación, que se completa con medio centenar de carpetas que conteñen distintos escritos e materiais, así coma recortes de xornais, mapas e outros, xa está sendo obxecto de custodia, conservación, estudo e análise documental por parte dos responsables da Biblioteca Municipal: Aurora Prieto e Vicente Rodríguez.

A cesión formalizouse durante a mañá deste luns nun acto no que estiveron presentes os seus netos -que fixeron a doazón-, Úrsula Luis-André e Carlos Thiebaut; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo. O rexedor local quixo agradecer á familia de Luís André a importante doazón realizada xa que "supón unha gran achega para a nosa Biblioteca e unha valiosísima ampliación do patrimonio cultural da nosa vila que, sen dúbida, contribuirá á recuperación dunha parte fundamental da nosa memoria histórica". 

Traballo de catalogación

Varios profesionais están a colaborar cos responsables da Biblioteca de Verín na traducción das obras cedidas e na súa catalogación. De xeito moi destacado, esta entidade conta coa participación do investigador galego Xosé Ramón García Soto, Facultativo Psicólogo Especialista en Psicología Clínica do Equipo de Salud Mental Infanto-Juvenil de Burgos.

Por outra banda, tamén están a cooperar de xeito desinteresado Monika del Castillo e Rubén Couto, neste caso, na traducción dos distintos escritos orixinais en lingua alemá e na transcrición dos mesmos. A súa participación, como coñecedores nesa materia, resulta "inestimable". Adicionalmente, Miguel Losada, Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega, é colaborador habitual desta biblioteca e axuda na evolución dos traballos.

Moitas áreas de coñecemento

Eloy Luis André, natural de Mourazos, formouse en distintas áreas de coñecemento e, por este motivo, non é doado enmarcalo nunha rama específica. Formouse no ámbito da psicoloxía, da filosofía, o dereito, a economía, a reforma do ensino, ou a reforma da planificación das infraestruturas do estado, como foi o caso das ferroviarias -é de destacar a variante André-. Está dispoñible unha cronobibliografía básica para ampliar coñecementos ao respecto da súa figura dentro da web: www.bibliotecadeverin.es.