Ilegalizar a UPG (Ou que perda a súa condución de partido político)

CARTAS AL DIRECTOR

Publicado: 25 ago 2026 - 02:05
Carta al director
Carta al director | La Región

O artigo de Afonso Vázquez-Monxardín publicado por este xornal o pasado 22 de agosto, titulado “A UPG contra o futuro do BNG”, supón un paso máis na súa longa e evidente cruzada persoal e ideolóxica contra a esquerda soberanista galega. Coa escusa dunha análise xurídica e política sobre a inscrición dos partidos, o autor desata a súa vella xenreira contra a Unión do Povo Galego (UPG) e o BNG, achegándose perigosamente á idea de ilegalizar ou deslexitimar a existencia dunha forza política clave na historia recente de Galicia.

Sorprende -ou quizais non tanto- esta fobia contida contra o galeguismo de esquerdas por parte dun autor cuxas posicionamentos públicos revelan unha clara afinidade co sionismo e co goberno de Israel, xustificando ou relativizando as súas accións en Palestina mentres ataca sen descanso o “antisionismo” do nacionalismo galego en artigos anteriores. Resulta irónico que quen amosa tal comprensión cara a políticas estatais de ocupación se rasgue agora as vestiduras pedindo purismos legais e contención ideolóxica en Galicia.

Máis alá das fobias persoais do autor, o texto pretende ignorar de forma deliberada a importancia decisiva que a UPG desenvolveu ao longo de décadas no proceso de construción nacional de Galicia. O nacemento e consolidación do galeguismo contemporáneo non se pode entender sen a capacidade vertebradora da UPG, que impulsou a creación de organizacións clave en todos os eidos da sociedade civil: desde o sindicalismo nacionalista (como as Comisións Labregas e a CIG) ata movementos culturais, estudantís, ecoloxistas e de defensa da lingua. Grazas a esta visión estratéxica e ao traballo militante, dotouse ao país de estruturas propias para autoorganizarse e defender os seus intereses como pobo.

Esta teima non é nova: a hemorraxia de artigos nos que Monxardín ataca á UPG e ao BNG vén de lonxe. Un dos seus argumentos recorrentes é a acusación á esquerda soberanista de “patrimonializar” ou “utilizar” as figuras históricas do galeguismo, como Rosalía de Castro, Castelao ou Alexandre Bóveda. Porén, este anoxo é profundamente selectivo e asimétrico. A súa indignación desaparece por completo cando a dereita galega tenta expulsar o legado destas mesmas figuras. Raras veces -por non dicir ningunha- se lle viu escribir con semellante vehemencia cando desde o Partido Popular se afirma, sen ningún rubor, que se Castelao estivese vivo hoxe “sería do PP”.

Esa dobre vara de medir demostra que o problema de Monxardín non é a defensa da neutralidade dos símbolos patrios, senón a súa incapacidade para aceptar a lexitimidade do proxecto político da esquerda nacionalista. Pretender deslexitimar ou borrar do mapa a unha organización histórica e fundamental na construción do galeguismo democrático só reflicte unha profunda intolerancia cara á pluralidade e cara ao futuro que o pobo galego decide libremente construír. P.D. Entendo que se pretende que a UPG “perda a súa condición de partido político”, o mesmo pasaría co resto de organizacións que co conforman a fronte do BNG e nunca se presentaron a ningún proceso electoral. Ou o único que lle estorba ao señor Moxardín é a UPG? A resposta témola ben clara.

Rubén Requeixo Ribeira (Ourense)

Contenido patrocinado

stats