O CARBALLIÑO

Cajaraville e Carlos Castelao, premios Antón Losada Diéguez

20190427185656861_result
photo_camera O xurado reuniuse onte no salón de plenos do Concello do Carballiño.

O xurado decidiu onte otorgar o premio ás obras: "Nova Nursia" e "As orixes da fotografía en Galicia"

O xurado da XXXIV edición do Premio Antón Losada Diéguez decidiu por unanimidade outorgar o galardón na categoría de creación literaria á obra "Nova Nursia", de Héctor Cajaraville; e na modalidade de Investigación en ensaio ao traballo "As orixes da fotografía en Galicia", de Carlos Castelao.

Segundo consta na acta da reunión que tivo lugar onte pola mañá no salón de plenos do Concello do Carballiño, "Nova Nursia", publicada por Edicións Xerais, é unha áxil novela histórica que se centra na figura de Frei Rosendo Salvado. A través dunha combinación de perspectivas (narración en terceira persoa e cartas en primeira persoa), os lectores achéganse a unha experiencia histórica transcional, dende Tui a Australia.

En canto a gañadora de investigación e ensaio: "As orixes da fotografía en Galicia", publicada por Alvarellos Editora, o xurado salienta "a calidade e intensidade de investigación documental realizada sobre a chegada e asentamento da fotografía na sociedade compostelá". Asimesmo destácase a calidade e coidado da súa edición, e o interese das fotografías reproducidas que axudan a rescatar a memoria visual da época e complementan a investigación documental sobre a vida e traxectoria dos primeiros fotógrafos.

No eido da creación literaria optaron un total de 22 obras, mentres que na de investigación optaron 16. 

O xurado estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández. Participaron como vocais: Pola Real Academia Galega, Afonso-Vázque Monxardín; polo Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez; do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña; por Boborás, Patricia  Torres; da Universidade de Santiago, María do Mar Lorenzo; da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro; e da Deputación Luis González Tosar, que disculpou a ausencia.


Premio dotado con 12.000 euros


Un total de 38 publicacións optaron ao XXXIV Premio Antón Losada Diéguez. Como é tradicional desde que os concellos do Carballiño e Boborás puxeron en marcha esta iniciativa, o premio entregarase nun acto que terá lugar en Moldes (Boborás), no pazo da familia Losada o próximo 15 de xuño. A organización desta edición do premio, que está tamén patrocinado pola  Deputación Provincial de Ourense, corresponde ao Concello do Carballiño, xa que ambos municipios se fan cargo de forma alternativa cada ano. Está dotado de 12.000 euros, a repartir entre as obras gañadoras nas dúas categorías recollidas nas bases do concurso: Creación Literaria e de Investigación e Ensaio.

Te puede interesar