A temperatura retrasa o Concurso de Camisetas

FESTA DO PULPO

La Fiesta Mexicana deleitó los exigentes paladares y animó a bailar

A alerta por calor extrema obriga a retrasar hoxe ás 19,00 horas o inicio do Concurso de Camisetas da Festa do Pulpo, previsto para dúas horas antes. Ademais, e como medida de prevención, suspéndese o desfile que se anunciara dos participantes desde a Praza Maior á Praza da Veracruz, debido a que as temperaturas a media tarde poderían superar os 37 grados centígrados.

En cumprimento das bases do certame manterase ás 17,00 horas a votación dos deseños na Casa Consistorial, aínda que será a partir das 19,00 horas cando se realicen na Praza Maior as fotografías das peñas participantes coas camisetas e se anuncien os gañadores.

Nesta ocasión, son 80 as peñas inscritas neste certame que ten como obxectivo implicar á mocidade na celebración declarada de Interese Turístico Internacional e que acada este mes de agosto a súa edición número 62.

Dedicación

Mediante este concurso seleccionarase o deseño da camiseta da Festa do Pulpo 2024, que pode ser creado a base de debuxos, imaxes, tipografías, palabras, frases, números ou calquera outro elemento gráfico. A condición principal é que este ano a temática debe identificar a dedicación desta edición á Denominación de Orixe Ribeiro.

Dentro da programación, onte disputouse o partido de fútbol entre o CD Arenteiro e o Pontevedra C.F e xa pola noite contouse coa Disco Móbil Gramola.

A quincena de intensa actividade concluirá no seu día grande do domingo, 11 de agosto, coa celebración no Parque municipal do Carballiño e rúas da vila do Arenteiro da 62ª edición da Festa do Pulpo. A animación comezará ás 11,00 horas con charangas e grupos de música tradicional e entre as 12,00 e as 18,00 horas desenvolverase no Parque municipal o Festival de Música e Danza Tradicional coas agrupacións: Coribantes, Canta nas Croas, Cantareiras Madialeva e Auskelga.

Recuperación

Trátase dun festival que recuperou o Concello do Carballiño, organizador da festa, e que se perdera durante varios anos. A demanda do público asistente a esta gran celebración gastronómica para gozar da música tradicional motivou aos responsables municipais a volver a contar coa música como un dos pratos fortes da festa.

Para o xantar, haberá pulpeiros tanto no recinto da festa como nas rúas do Carballiño, ademais de contar con restaurantes ambulantes e a hostalería local.

Ás 20,30 horas está previsto o concerto de Amigos do Acordeón Terras de Celanova, na Praza Maior e no mesmo espazo, ás 23,00 horas, ofrecerá outro concerto Óscar Ibáñez & Tribo.

Contenido patrocinado

stats