La Región

GALARDON

O Premio Losada descobre a súa faceta como arqueólogo

Cajaraville e Castelao recolleron os galardóns deste certame que defende a cultura e a lingua

Acto de entrega do Premio Antón Losada Diéguez. (MARTIÑO PINAL)
Acto de entrega do Premio Antón Losada Diéguez. (MARTIÑO PINAL)
O Premio Losada descobre a súa faceta como arqueólogo

Héctor Cajaraville pola súa obra "Nova Nursia", e Carlos Castelao por "As Orixes da Fotografía en Galicia", nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, recibiron este sábado no pazo da familia Losada, en Moldes (Boborás), os galardóns da 34 edición do Premio Antón Losada Diéguez, que está dotado de 12.000 euros a repartir entre ambos.

Despois da celebración da misa na igresa de San Mamede, e dunha ofrenda floral nas tumbas de Antón Losada e Manuel Chamoso Lamas, cuxa glosa realizou a integrante do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Ana Gordín, o mantedor do acto, o arqueólogo Jorge Lamas Bértolo, facía referencia a unha das facetas máis descoñecidas do ilustre galeguista e que ten que ver cos seus traballos arqueolóxicos desenvolvidos en Moaña e no Castro de Vigo, ademais da importante aportación que fixo na catalogación dos castros galegos, dedicando un fascículo ao patrimonio da comarca do Carballiño.

Jorge Lamas ensalzou ademais a súa figura por a "defensa do espíritu galeguista dignificando a realidade galega e conectando con Europa".

Por os concellos organizadores falaron Diego Fernández, concelleiro de Cultura do Carballiño, quen apuntou que este premio  "deixa patente o noso compromiso coa cultura e a lingua galega"; e en representación de Boborás, a alcaldesa Patricia Torres, que se referiu a importancia de seguir na defensa da cultura galega, da lingua e do patrimonio. 

Manuel Doval, responsable de Cultura na Deputación de Ourense, apelou ao compromiso coa terra  e destacou o premio como un dos máis importantes que se celebra en Galicia. O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, referíase a importancia destas iniciativas que deixan proxectos literarios e de investigación que "nos van marcando camiños nese proceso de construción que temos como pobo".

Os gañadores, Héctor Cajaraville e Carlos Castelao agradecían este primeiro premio que recibiron e falaron das súas respectivas obras, sobre Frei Rosendo Salvado, e sobre a historia da fotografía. A música correu a cargo da Coral Polifónica do Casino e de Terras do Arenteiro.