A asociación ecoloxista presenta alegacións contra o proxecto reversíbel de Gas Natural Fenosa

Adega advirte do impacto da nova central na Baixa Limia

O encoro do Salas, no concello ourensán de Muíños. (Foto: MARCOS ATRIO)
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) acaba de presentar o documento de alegacións (con cinco bloques) contra a central reversible que a empresa Gas Natural Fenosa pretende desenvolver entre os encoros Salas e As Conchas, na Baixa Limia. O proxecto, consistente na construcción dunha central de bombeo soterrada que multiplicará a xeración de enerxía utilizando a mesma auga, e rexeitado pola asociación ecoloxista que insta á administración a que non autorice a obra e que denegue tamén a solicitude de modificación das concesións dos aproveitamentos dos ríos Salas e Limia feita pola peticionaria.
Os ecoloxistas aseguran que durante a construcción da obra (74 meses, cunha media de 327 viaxes de camións diarios), as variacións dos niveis dos encoros provocarán graves impactos aos hábitats e especies fluviais. E na fase de operación da central, as augas dos encoros misturaranse. 'Habida conta do mal estado ecolóxico das Conchas, fortemente eutrofizado debido ás verteduras da actividade agrogandeira e aos continuos episodios de floración de cianobacterias tóxicas, resulta moi posíbel que se traslade a contaminación por cianobacterias ao Salas', subliñan dende Adega, que poñe en dúbida as conclusións do estudo da empresa no que falan dunha relativa mellora do potencial ecolóxico.

Na documentación remitida á Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Adega advirte que as obras proxectadas desenvólvense totalmente dentro da 'zona de transición' da Reserva da Biosfera e parcialmente na 'zona tampón' na toma no encoro de Salas (cun valor de conservación alto).

Neste senso, din que a obra suporá a eliminación física de máis de 153 hectáreas de hábitats naturais e que afectará potencialmente a 23 especies incluidas no Catálogo Español de Especies Ameazadas e no Catálogo Galego (oito delas consideradas vulnerábeis e cinco en perigo de extinción). 'A isto habería que engadir as radicais modificacións paisaxísticas que implicaría a criazón dos sete parques de depósito, para os 1,8 millóns de m2 de entullos e áridos provintes das excavacións, espallados por Muíños, Calvos de Randín e Lobeira.

En referencia á xustificación do proxecto argumentado pola empresa sobre a 'perda' da enerxía que non se consume nun momento dado, Adega di que 'dende o punto de vista da eficiencia ecolóxica, a mellor enerxía non é a renovábel, senón a que non é preciso producir' e acusa ao Estado español do incumprimento sistemático do Protocolo de Quioto.

Te puede interesar