ÁREA METROPOLITANA

Amoeiro terá un parking a carón do centro de saúde

Amoeiro
photo_camera Novo parking creado polo Concello de Amoeiro, cun dos novos paneis á dereita.

A vindeira semana estréase este novo recinto, para preto de 70 prazas

Amoeiro disporá desde a vindeira semana dun parking na capitalidade da vila, en plena rúa prinicipal, que será de carácter público e gratuíto, e que facilitará o acceso da veciñanza ao centro de saúde, ao Concello e as tendas, e que dará acubillo a preto de 70 vehículos. 

Do mesmo xeito, situáronse os contedores de lixo comúns e de cartón, deixando libres así as beirarrúas para o tránsito de persoas. "As necesidades de aparcamento da zona quedarán cubertas", sinala o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino.

Neste camiño de reformas, estanse a reparar as beirarrúas colindantes e crearase unha zona de carga e descarga á beira do supermercado, para facer máis fluída a circulación. "Ata agora non había aparcamento e os coches aparcaban en riba das beirarrúas", engade Villarino.

Este lavado de cara  do concello acompáñase dun embelecemento da zona mediante a colocación de paneis para combater o feísmo existente ata o de agora.
Trátase duns paneis de gran formato con información e promoción de carácter medioambiental, cultural, arquitectónico e histórico. Un deles mostra a ponte de San Fiz sobre o río Barbantiño; outro recolle a fervenza do Cachón, sinalando o seu camiño natural e combinándoo cunha escena de Sherlock Holmes; un terceiro mostra unha fotografía de Ramón Otero Pedrayo e e outro máis a destacados personaxes da cultura amoeiresa. 

Te puede interesar