O Campus Auga de Ourense inicia a busca das mellores investigacións

UNIVERSIDADE DE VIGO

A Universidade de Vigo convoca a sexta edición dos seus premios, apoiados pola Xunta e Viaqua, para os mellores traballos

Publicado: 04 sep 2024 - 07:30 Actualizado: 17 dic 2024 - 13:39

Francisco Javier Rodríguez Rajo e Nicolás Esmorís, onte na presentación.
Francisco Javier Rodríguez Rajo e Nicolás Esmorís, onte na presentación.

O Campus Auga busca os mellores traballos de investigación, transferencia e divulgación feitos na UVigo coa sexta convocatoria dos seus premios, apoiados pola Xunta e Viaqua. Unha das accións estratéxicas do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, é premiar os esforzos das e dos investigadores que contribúan a desenvolver este campus a través do seu traballo. Co obxectivo de recoñecer e estimular estas contribucións, vénse de convocar este mes unha nova edición, a sexta, dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga.

Os galardóns están convocados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados a través do convenio de colaboración que ten a asinado a Universidade de Vigo coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para financiar o Campus Auga e do convenio que ten coa empresa Viaqua

Na presentación, onte no campus de Ourense, desta sexta convocatoria participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus, e Nicolás Esmorís, director xeral de Viaqua, xunto a Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; Ana Tejeiro Sanmamed, xerente de Viaqua, e Leticia Rodríguez, directora de Innovación desta empresa

No acto, o vicerreitor salientou que estes premios son unha das liñas estratéxicas do Campus Auga que permiten potenciar e pór en valor “a moita investigación de relevancia que se fai en Ourense”. Pola súa banda, o director xeral de Viaqua puxo en valor os galardóns, recalcando que teñen “moito percorrido en dar resposta a problemas que están ocorrendo na nosa comunidade”.

Galardóns

A convocatoria está destinada a premiar accións destacadas do persoal docente e investigador, persoal investigador e estudantado da Universidade de Vigo no ámbito da investigación, transferencia e a divulgación científica que contribúan a situar e consolidar o campus de Ourense como un referente internacional en alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga. Trátase, sinalan, de contribuír con eles a mellorar a proxección investigadora e social do “campus de Ourense-Campus Auga como un campus líder nestas temáticas”.

Son cinco as modalidades dos galardóns. Na categoría de premios de investigación distinguiranse traballos fin de grao e fin de mestrado; tese de doutoramento e contribucións científicas de alto impacto publicadas en 2021, 2022 ou 2023. Por último, cos premios de divulgación científica quérese tamén distinguir accións e actividades deste tipo realizadas no mesmo período e que contribúan á promoción do Campus Auga e a divulgar a acción e o coñecemento científico producido nel.

Unha comisión elixirá os traballos galardoados, estando dotados os premios con diferentes contías económicas segundo a modalidade e un diploma acreditativo. O orzamento máximo total dos galardóns é de case 9.000 euros. Excepto en divulgación científica, en cada unha das modalidades haberá tres premios en metálico, un por cada unha das temáticas: alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga. O prazo de presentación de solicitudes abrangue do 10 ao 22 de setembro.

Contenido patrocinado

stats