Diarios do pasado

Crenzas megalíticas

Idoliños dos megálitos da Baixa Limia.
photo_camera Idoliños dos megálitos da Baixa Limia.
Os monumentos megalíticos conteñen numerosos elementos simbólicos que, aínda que sexa por zonas xeográficas, parecen repetirse

En días pasados participei nunha ruta que pasaba polos túmulos megalíticos -“motas” nesta paraxe- do Outeirón, no termo municipal de Verea. Alí o arqueólogo David Pérez López, a quen tiven o pracer de dirixirlle a Tese de Licenciatura sobre os megálitos do Monte Grande de Bande, ofreceu unha magnífica síntese do Megalitismo galego, aproveitando a visita ás tres mámoas desta necrópole. Cando continuamos a ruta cara a Celanova, un dos camiñantes que ía ao meu lado, preguntábase como sería a relixión daqueles xentes prehistóricas que ergueron tales sepulturas monumentais.  

A cuestión non é doada de responder. A causa é que nós, os arqueólogos, podemos achegarnos cientificamente a diversos aspectos sobre os dolmens, eses sartegos neolíticos que se esparexan principalmente por toda a fachada atlántica, incluída a actual Galicia. Podemos saber de que épocas son, como se construíron, a súa función esencial funeraria ou os patróns de distribución no territorio. Gracias aos estudos antropolóxicos, teorizamos sobre o tipo de sociedade que os erixiron. Incluso sobre outras funcións destas construcións, máis alá da monumentalización da morte, practicamente unha novidade na prehistoria. Profundando máis, debemos pensar que a dita “instrumentalización da morte” pode transcender unha mera lembranza dos antepasados para agachar crenzas acerca dunha vida ultraterrena, dun culto que propicie a viaxe a un mundo sobrenatural e, en consecuencia, unha crenza nel. Obviamente non estamos en condicións de afirmar a existencia dunha “relixión megalítica”, e menos para unhas sociedades das que polo momento só sabemos que teñen en común a construción de megálitos a partir do Vº milenio AC, aínda que, como dicía Gordon Childe, si parece existir un sistema común de crenzas nas sociedades neolíticas -campesiñas- daqueles tempos.

En todo caso, os monumentos megalíticos conteñen numerosos obxectos que si poden  achegarnos a esta idea, uns elementos simbólicos que, aínda que sexa por zonas xeográficas, parecen repetirse. Estamos a falar dos enxovais que acompañaban aos mortos -ferramentas e obxectos de adorno-, seguramente para que foran de utilidade na outra vida. Tamén as decoracións pintadas e gravadas que se repiten nas lousas dos dolmens, ou os idoliños que aparecen nalgunhas sepulturas que foron escavadas. Con respecto ás ferramentas, xa lles teño falado delas. Aínda así, só lembrar que aparecen machadas, gubias, ciceis, mazas de combate, puntas de frechas, láminas de coitelo de sílex, dentes líticas de fouce, recipientes cerámicos e outros moitos. En canto as pinturas e gravados que decoran os dolmens, non faltan motivos compostos de liñas onduladas, en zigzag ou representacións solares. Vese como unha posible divinidade -asunto este sempre demasiado esvaradío-  un elemento de difícil interpretación, que a especialista en arte prehistórica Elisabeth Shee denominou “The Thing” -“A Cousa”-, na que algúns ven representacións tan variadas, que poden oscilar dende un machado ata un cetáceo. E como non, os chamados “idoliños” que se detectaron en escavacións -caso de Dombate-, aliñadas diante da porta do dolmen, posibles gardas protectores da entrada ao interior do recinto funerario.

Como ven, aínda non podemos confirmar a existencia dunha relixión ou relixións megalíticas propiamente dita, pero nos encontramos diante dunha manifestación arquitectónica, os dolmens, fortemente ritualizada. Son construcións funerarias dotadas dunha poderosa simboloxía que, con pouca dificultade, nos conducirían a interpretalos dentro dun sistema de crenzas e ritos que non verían na morte fisiolóxica un punto e final.

Te puede interesar