A Deputación de Ourense favorece a financiación das pemes

A Deputación de Ourense bonificará as comisións e estudos de avais ante as entidades de crédito

A Deputación de Ourense destinará 500.000 euros anuais a facilitar o acceso ao financiamento das pemes, micropemes e autonómos da provincia mediante a concesión de préstamos, líneas de circulantes e avais. Esta nova liña de axuda do goberno provincial estará canalizada a través da Sociedade de Garantía Recíproca da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra e Ourense (Sogarpo). O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente de Sogarpo, Artur Yuste, asinaron onte o convenio de colaboración -que se renovará en 2024 con outros 500.000 euros-, polo que o goberno provincial bonificará as comisións e estudos dos avais outorgados ante as entidades de crédito e outros financiadores a favor de autónomos e pemes domiciliados na provincia, ou que acrediten que os investimentos financiados con operación se realizan en territorio ourensán.

Baltar enmarcou este convenio na actual situación de incerteza socioeconómica, “ante a que damos un paso adiante para colaborar coas pemes e autónomos da provincia, como tamén fixemos durante a pandemia con axudas directas, garantindo fontes de financiamento coas que acometer proxectos necesarios, con especial atención á eficiencia enerxética, a dixitalización ou á mellora da capacidade produtiva”.

A continuación, agradeceu a Artur Yuste “a posta a disposición dun produto financeiro que persegue bonificar o aval que as empresas e autónomos terían que poñer para financiar os seus proxectos”, destacando que este acordo “é unha mostra máis da dispoñibilidade desta institución para acompañar a todos aqueles que queren facer un Ourense máis potente, ambicioso e con moitos retos por conseguir”.

Pola súa banda, Artur Yuste agradeceu “á Deputación por facer máis accesible este sistema de financiación empresarial nunha terra de emprendedores e talento”. O presidente de Sogarpo destacou que “con este acordo entre unha entidade especializada en acompañar novas ideas de empresa e unha institución experta en dinamizar a economía provincial, Ourense consegue reunir condicións excepcionais para a concesión de avais financeiros”. 

As axudas contempladas  tratan de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes e autonómos, facilitando “préstamos avalados para o crecemento das pemes” co obxecto de favorecer mediante o aval de Sogarpo e a bonificación do custo do aval, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes ourensás, e dando a posibilidade de aplicar os fondos, total ou parcialmente, ao pago e/ou reestruturación de débedas con entidades financeiras, cun máximo de ata 600.000 euros.

Tamén inclúe as “operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial”, co gallo de favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das pemes mediante liñas de crédito de circulante avaladas por Sogarpo en forma de pólizas de crédito, liñas específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagos a provedores e pólizas de comercio exterior. O importe máximo por operación é de 200.000 euros.

A terceira modalide son as “garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos”, co obxecto de favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros e garantir o cumprimento de contratos, tráfico comercial ou avais técnicos. O teito do aval será neste caso de 300.000 euros. 

Nestas modalidades, o apoio de Sogarpo consiste nun aval de, como mínimo, o 50% do importe do financiamento outorgado pola entidade de crédito, que facilite o acceso ao crédito aos autónomos e pemes, sendo bonificado pola Deputación o custo do devandito aval, de tal forma que non se lle repercuta o mesmo á empresa.

Te puede interesar