Dous irmáns tralo lobishome Romasanta

Os investigadores Cástor e Félix Castro Vicente atópanse durante estes días impartindo un curso na UNED. Nel analizan a figura dun asasino en serie que deixou pegada na provincia: Manuel Blanco Romasanta, lobishome e home do unto á vez

Publicado: 22 mar 2023 - 06:35 Actualizado: 22 mar 2023 - 09:53

Os irmáns Castro Vicente, Cástor e Félix, no seu despacho da cidade.
Os irmáns Castro Vicente, Cástor e Félix, no seu despacho da cidade.

Manuel Blanco Romasanta morreu en 1863, pero segue dando moito do que falar 160 anos despois do seu pasamento. “Foi un caso paradigmático a nivel antropolóxico, un caso único tanto a nivel galego como a nivel peninsular”, explica Cástor Castro Vicente. El e mailo seu irmán Félix forman unha parella de investigadores que levan indagando sobre esta misteriosa figura dende 2006. Agora, expoñen os seu coñecementos nun curso que imparten na UNED.

A Romasanta se lle inculpou de nove asasinatos cometidos a mediados do século XIX. Tiña unha tenda ambulante, e despois de matar un alguacil en León fuxiu ás montañas do Macizo Central. Atopou unha aldea afastada na que ninguén o atoparía: Rebordechau, no concello de Vilar de Barrio. Aí foi onde cometeu a maioría dos seus crimes.

Romasanta prometía ás súas vítimas un futuro mellor traballando en Santander, e como comerciante que era, comprometíase a acompañalas. Cando se botaban ó camiño, acababa coas súas vidas. Perante o xuíz xustificouse asegurando que cometera os asasinatos porque era vítima dun maleficio que o convertía en lobishome.

Os irmáns Castro Vicente comezaron a investigar esta historia arredor de 2006. “Ó principio, sobre todo, buscando bibliografía antiga”, explica Cástor. Ata que en 2011 fixeron un descubrimento. Sobre a súa morte barallábanse varias hipóteses. Por exemplo, que morrera na prisión de Celanova, ou que dous gardas civís o soltaran na serra de San Mamede e lle dispararan por detrás. “Descubrimos que falecera no penal de Ceuta, encontramos noticias de prensa e ós poucos meses atopamos o cabo de ano na parroquia natal”, di.

Estes dous achados impulsaron as súas pescudas sobre Romasanta, segundo relata: “Empezamos a investigar dende outras perspectivas, porque vimos que había moito que desbrozar e investigar”.

Unha lenda

No curso, que conta con dez horas lectivas e que se estenderá ata o xoves que vén, tocan diversas ópticas do caso. Unha delas, a antropolóxica. “Contextualizamos a súa declaración de licantropía no contexto europeo, nas crenzas e o folclore sobre estes temas”, detalla Cástor. Pero Romasanta non era un lobishome para os seus veciños: era o home do unto. “Acusábano de que facía desaparecer as súas vítimas para sacarlles a graxa e vendela nas boticas de Chaves, en Portugal”, aclara. “Hai unhas cantas declaracións no xuízo que apuntan nesa dirección”, engade en relación ó comercio de unto.

A profanación dos cadáveres de quen caía na súa rede non era, por escabrosa, carente de sentido. O unto humano chegou a verse como “un medicamento” nos séculos XVI e XVII, e logo quedou como superstición. “Houbo un momento no que se consideraba de certa utilidade para tratar a epilepsia e algunhas doenzas nerviosas”. Houbo máis crimes relacionados con este tema: “En Andalucía, en Lugo…”, cita Cástor.

Dende o punto de vista criminolóxico, os irmáns tamén analizan o seu “modus operandi”, os lugares das mortes, as conexións entre cada crime… “Hai unha serie de feitos coincidentes, como que -Romasanta e as súas vítimas- sempre saen no mes de marzo, en invernía. Non é a mellor época para saír de viaxe”, observa o investigador.

“Hai xente que lle dá crédito a que era unha persoa con algún tipo de esquizofrenia, ou que estaba intoxicado polo cornizó. Nós inclinámonos por que era un asasino frío e calculador, o que consideraron na causa cando o condenaron”, comenta Cástor, quen contradi que haxa “xente que pensa que é un tema manido”. Hai moitas incógnitas por resolver, “moito que investigar”, segundo di.

“O curso está centrado nas nosas investigacións”, recoñece Cástor. El e mailo seu irmán publican os avances que logran cada ano, nas xornadas que organiza a Fundación Vicente Risco sobre este particular caso criminal. “Tamén é interesante a repercusión mediática. Foi un xuízo seguido pola prensa europea: inglesa, francesa…”.

Romasanta, intersexual?

Hai preguntas sen resposta, e teorías para tratar de darlla. Por exemplo, a que sostén que Romasanta era unha persoa intersexual, exposta polo antropólogo Mariño Ferro en 2006 e á que se sumou Fernando Serrulla, forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). “Na partida de nacemento pón Manuela Blanco Romasanta, e era unha persoa que controlaba moitos oficios femininos”, narra Cástor. “Pénsase que puido nacer nena e que logo se lle desenvolvesen órganos xenitais masculinos”, o que lle comportou un cambio de xénero.

Esta circunstancia “non é algo tan, tan estraño”, explica, xa que “certo porcentaxe da poboación si ten este proceso”. O caso é que “son cousas que antes non se falaban, que se escondían na familia”. Un tabú que lle puido valer burlas que terían alimentado, no seu caso, unha inclinación violenta.

A inscrición no curso está aberta ata hoxe, martes. De momento só se impartiu unha clase introdutoria o pasado mércores. Hoxe e mañá retomaranse as sesións en horario de 18,30 horas a 20,30 horas, para rematar o mércores e xoves da vindeira semana.

Contenido patrocinado

stats