Coronavirus

Félix Rubial: “Ningún sistema sanitario vivira isto desde a II Guerra Mundial"

Ourense. 26/11/2019. Entrevista a Félix Rubial, gerente del area sanitaria de Ourense, Verín y Valdeorras.
Foto: Xesús Fariñas
O Xerente da área sanitaria Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras explica como está a discorrer a crise do coronavirus
 

Félix Rubial está na cúspide dun complexo organigrama que loita por dar a mellor atención sanitaria posible en plena crise do coronavirus na provincia española con maior porcentaxe de poboación de risco, na que un de cada tres residentes é maior de 65 anos. "É o maior desafío para os sistemas sanitarios desde a  Segunda Guerra Mundial", afirma quen di estar preparado para afrontar unha semana que, advirte, será dura.

Como é o Plan de Continxencia?

A organización da área sanitaria está fundamentada nunha mesma lóxica nos dous niveis asistenciais: Atención Primaria e Atención Hospitalaria (Ourense, Valdeorras e Verín), que é a creación de circuítos diferenciados de asistencia para pacientes non COVID e para pacientes con sospeita de COVID . Loxicamente, estes circuitos son máis complexos no ámbito hospitalario, pero o modelo é exactamente o mesmo, e o que persegue é minimizar o risco de transmisión entre pacientes e tamén para profesionais.

Com se está a desenvolver a atención de pacientes non COVID?

A directriz básica é coherente coa situación de confinamento na que nos atopamos, desde o decreto da Emerxencia Sanitaria. Vai dirixida a minimizar a interacción humana tanto como sexa posible, coa intención de protexer a nosa poboación, especialmente á máis fráxil e vulnerable,  e tamén os propios profesionais. Así, tanto en Primaria como nos hospitais, tan só se mantén aquela actividade que non resulta demorable, trasladándose o resto a atención non presencial, utilizando para iso un instrumento tan coñecido en Galicia como é a consulta telefónica, que en Ourense se está a facer en tódolos servizos, chamando os pacientes directamente por teléfono, sistema do que carece a práctica totalidade de servizos sanitario do resto de España. A nivel hospitalario, mantense toda aquela actividade non demorable: atención urxente (diagnóstica, médica ou cirúrxica), partos,  diálise, atención oncolóxica, radioterapia...

Que instrucións hai no caso de que un paciente non COVID teña que ser ingresado?

Téñense dado instrucións de evitalos sempre que sexa posible –apoiados no seguimento compartido e a distancia–, e tamén de reducir ao máximo os días de estadía, para o que se ten concentrado o soporte en áreas básicas como a radioloxía, a medicina nuclear, a ecocardiografía ou a endoscopia. Téñense habilitado tamén dous teléfonos de contacto directo dos pacientes cos profesionais para dúas áreas moi sensibles, como son a pediatría e a obstetricia. O primeiro para enlace dos pais e nais de rapaces con enfermidades crónicas e o segundo para aclarar as dúbidas e temores das mulleres embarazadas que afrontan este importante proceso vital en plena pandemia, de xeito que é a propia cidadanía a que pode dirixirse directamente ao especialista. En breve, poñeranse en marcha fíos directos noutras especialidades.

Como se está tratando os pacientes sospeitosos?

Aqueles casos que tendo sintomatoloxía compatible con infección por coronavirus (infeccións respiratorias que cursan con febre e tose) e que se atopan clinicamente estables son atendidos, ben en Atención Primaria, ben nas urxencias hospitalarias, e remitidos aos seus domicilios –unha grande maioría comunica a súa situación ao teléfono gratuíto habilitado–, activándose a recollida de mostra. É  Medicina Preventiva quen coordina os equipos de recollida (5 equipos domiciliarios e o punto de recollida fixo) e quen ordena os fluxos e establece, segundo criterios de proximidade a Ourense, criterios clínicos, etarios e de dispoñibilidade de vehículo, se a recollida de mostra se fai en Santa María Nai ou ben son os profesionais os que se desprazan á casa dos doentes. No caso dos pacientes hospitalizados, obviamente a recollida de mostra faise no ingreso. As mostras son procesadas polo servizo de Microbioloxía, que é quen confirma ou non a sospeita diagnóstica. Os resultados son comunicados directamente aos pacientes.

Unha vez que dan positivo, cal é o proceso?

Nos casos positivos danse instruccións para facer un illamento domiciliario correcto, mentres o servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Galicia fai o seguimento dos contactos e avalía potenciais riscos. Unha vez un paciente é diagnosticado como COVID, é o Equipo de Seguimento Compartido de Asistencia Hospitalaria, integrado por persoal médico e de enfermería de Primaria  e Hospitalaria o que realiza o seguimento non presencial destes pacientes. Nos casos nos que é posible utilízase TELEA (a plataforma de teleseguimento e telemonitorización, que esixe liña de internet, e un dispositivo no que paciente introduza parámetros como a oximetría ou a temperatura). Cando non, faise seguimento telefónico diario.  Unha vez os pacientes están estables, faise a transferencia ao profesional médico e de enfermería de cabeceira.

Que se fai cos pacientes que requiren hospitalización?

A principal porta de entrada para estes pacientes é o servizo de Urxencias Hospitalario, quen no seu circuito de atención COVID valora os casos posibles e efectúa directamente os ingresos, previa toma de mostra para analizar. Os ingresos de casos posibles realízanse nunha unidade de hospitalización de sospeita, onde permanecen illados ata que se confirme ou non o caso. Se se confirma, son hospitalizados nunha planta de illamento, especialmente habilitada a tal fin. Se se descarta, ubícanse nunha habitación convencional. 

Quen atende eses pacientes?

O seguimento 24 horas dos pacientes hospitalizados ten como pedra angular o equipo de enfermería das unidades, que xogan un papel esencial no manexo da epidemia no hospital. O soporte médico está integrado por infectólogos, internistas e pneumólogos. 

E os que están en domicilio e sofren un empeoramento?

Pois son valorados polo equipo de seguimento compartido, por Atención Primaria, ou polo 061, van directamente a hospitalización, para a súa valoración, non entrando no circuíto de urxencias. Caso á parte constitúeo a Unidade de Coidados Intensivos, preparada para recibir pacientes das urxencias hospitalarias, trasladados polo 061, ou desde unidades de hospitalizacion convencional de calquera dos hospitais. 

Imaxino que a UCI tivo que se adaptar a esta nova situación...

A UCI tamén tivo que adaptar os seus circuítos e fluxos de pacientes para facer coexistir aqueles con sospeita de infección dos que non o teñen. As 22 camas da UCI dispoñen nestes momentos de ventilación mecánica, unha vez a Xunta adquiriu polo procedemento de emerxencia ventiladores para todo o Sergas. 

E se non da abasto a UCI, como xa sucede en Madrid? 

Está en situación de alerta o servizo de Anestesioloxía e Reanimación, que sería activado, de ser o caso, unha vez que os recursos da UCI se fosen esgotando. Estes fluxos de pacientes están coordinados administrativamente polo servizo de Admisión que é o responsable de ubicar os pacientes nas unidades máis adaptadas á súa situación clínica, respectando sempre a seguridade.

Corremos o risco de que haxa que facer selección de quen pode entrar na UCI e quen non? 

Predicir máis alá de 24 horas é moi difícil, e non o vou facer. Podo dar dous datos que invitan a certo optimismo, moi contido.  O primeiro é que a vaga en Galicia empezou máis tarde e que o número de casos respecto á poboación que temos é inferior á media do Estado. As medidas de contención empezaron o domingo pasado, os expertos teñen esperanza en que poidan surtir efecto e reducir a transmisión comunitaria. Con ese paquete de medidas, temos a esperanza de non ter que chegar á situación de Madrid, pero tamén digo que temos que estar preparados para todo. E niso estamos, sometendo a un estrés controlado a certos servizos. Aquí está todo o mundo a tope, independentemente dos turnos, e sobre todo a enfermería, que está a facer un esforzo brutal, son os que teñen máis contacto cos enfermos, os máis sometidos. Estamos vendo profesionalidade, compromiso. Estou moi orgulloso, están dando o máximo nun momento inédito. Desde a Segunda Guerra Mundial, ningún sistema sanitario europeo viviu algo parecido. E, afortunadamente, píllanos cunha diseminación menor que noutros territorios, pero temos que estar moi alerta e seguir facendo probas para intentar protexer a nosa poboación. E volvo insistir, hai que quedar na casa. Os que non quedan na casa van transmitir enfermidade a xente máis vulnerable. E o que para eles será un cadro gripal, levará por diante outra xente. O éxito dos países que están aplanando a curva son que conseguiron ter un maior control sobre as poboacións, non sobre os enfermos.

Estes días correu moito o bulo de que se prohibían as mascarillas ao persoal sanitario, que xa foi claramente desmentido... 

Fíxose unha instrución de obrigado cumprimento. Nela apelamos  á responsabilidade profesional, social e moral. Hai unha semana, o vicepresidente dunha comunidade veciña facía un chamamento dramático porque os seus profesionais estaban traballando sen mascarillas. Nós non o imos consentir, baixo ningún concepto, e para iso temos que ter equipos para os profesionais que os necesitan, non para os que os usan de maneira inadecuada. Por iso difundín esa instrución. Nos casos que é necesario, todos os profesionais deben ter ese material.

Hai persoal de Enfermería que clamaba estes días pola falta de Equipos de Protección... 

Temos os EPI necesarios nestes momentos para todos os profesionais que requiren enfrentarse a unha situación deste tipo. O que non temos é para tirar ou despilfarrar. Por iso é a obriga de todos, pero sobre todo da dirección, facer que os que de verdade os necesitan, os teñan.

Como se atopa o CHUO? 

O hospital está moi tranquilo, moi ordenado e moi atarefado. Manexamos protocolos comúns e compartidos para toda Galicia, realizando un traballo en rede e coordinado cos servizos sociais.

Aumentou o número de casos ao facer os test rápidos no coche? 

Obviamente, o que non mides non existe. Aumentou o número de casos, iniciamos a vaga epidémica hai unha semanas, mentres esteamos en pico ascendente vanse seguir reproducindo casos. A recollida en punto fixó é moito máis operativo, pero o que non imos facer é prescindir dos test domiciliarios, porque por criterios de equidade non podemos facer vir a Ourense a quen está lonxe e non ten medio de transporte. É máis operativo o punto fixo porque, ademais, aforramos moitos Equipos de Protección Individual (EPI), porque co mesmo equipo podénse tomar moitas mostras.

E quen coordina o dipositivo? 

Todo o dispositivo asistencial está coordinado polo Comité Clínico de Seguimento da Pandemia que, baixo as ordes da Xerencia, está configurado por responsables de Urxencias, Medicina Interna, Enfermidades Infecciosas, Pneumoloxía, UCI, Reanimación, Admisión e Medicina Preventiva. Outro aspecto moi relevante vén dado pola protección da saúde dos profesionais, que é directamente supervisada por Medicina Preventiva e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais, que se encargan de facer toda a formación no manexo de EPI, o seguimento dos contactos, valorar a súa situación epidemiolóxica e, nos casos onde corresponde, indicar illamento domiciliario. Os vídeos formativos sobre uso de EPI's elaborados polo servizo téñense mesmo se fixeron virais e constitúen un elemento de consulta permanente por todos os profesionais, na área sanitaria e moitos outros lugares. 

Como se están a coordinar cos hospitais privados ? 

Hai unha persoa do seu equipo e unha do noso que están en permanente contacto, e imos usar ese recurso sempre que sexa necesario. Eles están disponibles para que así sexa. Estamos perfectamente preparados para que así sexa.

Hai colectivos como Colexio de Médicos, de Enfermería... que están ofrecéndose como voluntarios. Contan con eles? 

Nestes momentos estamos usando recursos propios e non precisamos voluntarios. Pero non é nada desdeñable que nalgún momento desta fase ascendente da epidemia teñamos que recorrer a eles.  Agradecémosllo infinitamente, aos colexios profesionais,  tamén ao Colexio de Farmacia, colectivos sociais e outros colectivos de sanitarios.. Tamén estudantes de Medicina que se poñen á nosa disposición. O movemento de voluntarios é inmenso. Estamos clasificando todo e se é necesario evidentemente recorreremos a eses recursos e darémoslles a tarefa máis adaptada para eles. 

Cal é o límite de recursos? 

Nestes momentos estamos  nunha situación de tranquilidade tensa. Hai moita actividade que  deixamos de facer e que nos deixa recursos, especialmente de enfermería,  para atender pacientes COVID. O equilibrio hai que ilo manexando, porque temos que seguir atendendo o resto de patoloxías. Temos claramente censados todos oos profesionais de todas as categorías para que en caso de necesidade poidan actuar. 

 Hai camas suficientes? 

Hai unidades despexadas, pendentes do que poida ocorrer. Hai moita actividade cirúrxica que antes se facía e agora non se fai que despexa o horizonte. Hai áreas de sobreoaforo dispoñible, sobre todo no Maternno, que nos dan un colchón.

De momento ,a incidencia é baixa en Ourense... 

Afrontamos unha semana moi complexa, estímase nestas fases o crecemento dun 25% diario. Estamos agardando a que se cumpra a quincena desde a orde de confinamento para ver o impacto das medidas, e se reducen realmente o contaxio e o pico comeza a aplanarse. 

Hai preocupación polos contaxios nas residencias? 

Temos xa unha tradición de traballo coas residencias, posto que a moitas lles servimos directamente a medicación. En moitas o manexo médico dos pacientes fano médicos do Sergas.  É un foco de preocupación e un foco de ocupación. É unha poboación moi vulnerable, e tampocuo podemos esquecernos de que o 32% da poboación ourensá ten máis de 65 anos. Tamén nos preocupan os maiores que están nos seus domicilios. A situación de Ourense, nese sentido, é máis complexa. 

Que lle dicimos á xente do rural? 

A ruralidade xoga á noso favor. A transmisión é de persoa a persoa. A xente do rural non ten por que estar dentro da casa as 24 horas. É conveniente que se poñan un pouco á claridade, incluso ata é recomendable que camiñen pola súa horta. O que está completamente contraindicado é a interacción social. 

Te puede interesar