Impulso a 263 proxectos en alianza con entidades sociais e concellos de Ourense

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense na sinatura do convenio entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo.
photo_camera Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense na sinatura do convenio entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo.
O goberno da Diputación de Ourense aprobou, na última modificación de crédito, 20,1 millóns en medidas de desenvolvemento social

A Deputación de Ourense ten na súa razón de ser a colaboración con entidades sociais e concellos. Esta forma de traballar ven refrendada tanto nos orzamentos anuais como en fitos como a modificación de crédito aprobada en febreiro, a máis alta da historia, que permite impulsar con 20,1 millóns de euros o desenvolvemento de 263 proxectos e servizos postos en marcha por concellos e entidades sociais, económicas, culturais e deportivas.

Nesta modificación destaca unha partida de 7,3 millóns de euros para investimentos en 132 proxectos deseñados por concellos ourensáns, programas ou servizos. Xunto con este apartado resérvanse máis de 900.000 euros para financiar gastos en outras 32 iniciativas relacionadas coa promoción turística, servizos sociais, medio ambiente, gastronomía, cultura, patrimonio ou deporte, organizadas por concellos de toda a provincia.

En cooperación con entidades, o expediente destina dous millóns de euros para colaborar con 73 axentes sociais, económicos, culturais e deportivos do territorio, tanto como axudas para o seu funcionamento como para financiar actividades. Neste mesmo ámbito da cooperación con entidades cómpre apuntar 1,7 millóns de euros máis, dos que o 70%, isto é 1,2 millóns, están destinados a colaborar coa Universidade de Vigo para a ampliación do campus de Ourense.

Entre as partidas consignadas  figura un capítulo de servizos sociais, que cunha inxección económica de 1 millón de euros facilitará a posta en marcha dun programa contra a soidade non desexada e o envellecemento activo, así como 300.000 euros máis para o plan BenOurense de apoio aos servizos sociais municipais. Ademais, o apartado audiovisual verase reforzado con máis de 1 millón de euros para o patrocinio de rodaxes na provincia; o Plan EmergOU contará con 500.000 euros para cubrir as necesidades dos concellos afectados polas riadas deste inverno; e destinaranse 536.000 euros a financiar a parte que deberían abonar os concellos para o funcionamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal existentes na provincia (11 GES e o servizo supramunicipal de Terras de Celanova).

O Inorde tamén figura neste expediente cun suplemento de crédito de 270.400 euros, co obxectivo de poñer en marcha iniciativas de emprendemento asociadas á agricultura rexenerativa e un plan piloto de dixitalización e economía circular aplicado ao castiñeiro.

Colaboración cos concellos

A corporación aprobou tamén inicialmente o Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para 2023, cun orzamento de máis de 6,3 millóns de euros. Deste total, máis de 2,8 millóns son para obras e servizos municipais. Cada concello recibirá unha achega de 51.000 euros, dos que 48.000 serán para executar a obra e os restantes 3.000 para servizos complementarios como a redacción de proxectos. No caso da entidade local menor de Berán, esta aportación será de 24.000 euros, dos que 2.000 serán para servizos complementarios. Os concellos poden incrementar as achegas da Deputación con recursos propios para realizar proxectos de maior custo. Este ano son nove os concellos que se acolleron a esta modalidade, con aportacións que superan os 364.000 euros.

Prevención de incendios

Por outra banda, o convenio asinado esta semana entre a Deputación de Ourense e Medio Rural dotará con tractores e apeiros para a prevención de lumes forestais a trece concellos da provincia: Baños de Molgas, O Bolo, Castro Caldelas, Entrimo, Gomesende, Manzaneda, Melón, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Taboadela e Vilar de Barrio.

Segundo os convenios asinados, a Deputación de Ourense (o único goberno provincial galego que asina un convenio deste tipo) e a xunta financiarán a compra de maquinaria para a prevención dos lumes con preto de 1,3 millóns de euros, aportados ao 50% por cada administración. Cada municipio contará cunha subvención de case 100.000 euros para mercar un tractor e dúas rozadoiras coa finalidade de realizar tarefas de limpeza e mantemento das infraestruturas lineais ou das áreas cortalumes de titularidade municipal, así como nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa en terreos de titularidade descoñecida ou de titularidade do concello, que non sexan obxecto de actuación no marco do Convenio de protección das aldeas.

Os trece concellos beneficiarios foron seleccionados en base a criterios técnicos que teñen que ver coa incidencia dos lumes no seu territorio, ademais de estar adheridos ao convenio de protección das aldeas entre a Xunta e a Fegamp.

Te puede interesar