Luis Seara, acompañado de Ana Pontón, presentan a candidatura do BNG á alcaldía de Ourense

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego estivo presente no acto de presentación da candidatura e do primeiro tramo da listaxe das eleccións municipais en Ourense

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, presentaron o primeiro tramo da listaxe ás eleccións municipais da cidade, que a líder do BNG definiu como “un grupo de persoas capaz de ofrecer un cambio real e de darlle á cidade un novo principio, no reto de devolverlle á veciñanza a dignidade e o orgullo de ser de Ourense”.

Na súa intervención, a líder do Bloque destacou que “Luís Seara é o alcalde que Ourense necesita para deixar atrás a páxina máis triste da súa historia recente e mirar o futuro con esperanza, con ilusión, con confianza”.

A portavoz nacional explicou que os plans do BNG para a cidade pasan por artellar un proxecto “para ter un Ourense termal, un Ourense cunha mobilidade sostible, un Ourense cultural, un Ourense acolledor, feminista, igualitario, e un Ourense ecoloxista e que pense en verde” calificándoo como “un proxecto que propiciará un cambio real, transformador e en positivo, que virá da man do BNG e de Luís Seara ou non virá”.

O candidato á Alcaldía da cidade, Luis Seara, amosou a súa ilusión por ser o representante do BNG no Concello de Ourense e “ter o privilexio de encabezar unha candidatura con persoas con ilusión, con amor por Ourense, que dan un paso adiante e deciden comprometerse nun proceso transformador que mellore a calidade de vida das persoas”. “Un grupo plural, aberto e cohesionado, que responde ás necesidades de Ourense e é garantía de futuro”, engadiu.

No primeiro tramo da candidatura acompañan a Luis Seara: Rhut Marina Reza Álvarez, Xosé Manuel Puga González, Erea Blanco Gallego, Xosé Diz Romay, Sonia Albor Gómez, Xosé Carballido Presas, Nate Borrajo Pazos, Diego Carlos Vázquez Nogueira, Lidia Gómez Cardero, Xabier Fernández Dávila, Chelo López Caride, Anxo Varela Pérez, Venecia Guzmán Castillo e Marcos Ferradás García. “7 mulleres e 7 homes con perfís diversos, referenciais moitas delas no ámbito veciñal, social, cultural, económico e sindical e un relevante coñecemento do territorio e da xestión municipal”, indicou Seara.

Te puede interesar