Luis Seara, reelixido responsable local do BNG en Ourense: “Imos pór fin a este suplicio”

Os nacionalistas inician “a conta atrás” para acabar coa “longa noite de pedra” de PP e DO

O voceiro municipal no Concello de Ourense do BNG, Luis Seara, foi reelixido por unanimidade como responsable local da formación nacionalista, o que lle dá impulso para liderar unha alternativa ao actual goberno DO-PP na cidade no 2023, aínda que o candidato á alcaldía terá que ser elixido noutro proceso chegado o momento. Sacar a Ourense da “longa noite de pedra” na que o bigoberno de populares e Jácome a teñen sumida é o obxectivo que se marca Seara. 

“Asumo con absoluto pracer e con toda a ilusión do mundo esta responsabilidade e quero contribuír desde a miña modesta experiencia a pór fin a esta longa noite de pedra na que PP e DO están a converter Ourense”, sinalou este sábado, acompañado da voceira nacional doBNG, Ana Pontón, nun acto de presentación desta nova etapa. “Comeza a conta atrás. Queda un día menos para pór fin a este suplicio. Cada día queda menos para que remate este goberno letal”.

O líder da formación nacionalista na cidade proponse “rachar este círculo vicioso de pesimismo e resignación” para se converter na “alternativa que Ourense necesita”. Para iso, proponse falar “só de futuro e propostas en positivo”, iniciando un “intenso esforzo de interlocución social”. A meta é dicirlle aos ourensáns que “hai futuro, hai esperanza e hai alternativa” , baixo o lema “Máis Ourense”. 

Pontón  salientou que “Ourense non é de ningún partido político” senón dos veciños e reivindicou o plan do BNG para sacar a Ourense do “pozo negro” no que se atopa en 2023. A voceira nacional apelou a devolver a “sensatez ” frente á actual etapa de “descrédito e crispación” e  comprometeuse a devolverlles aos veciños “o orgullo de ser desta cidade” e a “dignidade”. Ademais, a voceira nacional culpou o PP e a seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, de ser “o principal problema da cidade, pola súa ambición e ansias de poder”, que están “condenando a cidade a ir cara atrás”. 

Unha folla de ruta para recuperar “a autoestima”

Seara anunciou propostas e interlocución social baixo o lema “Máis Ourense”, cunha folla de ruta para  “recuperar a normalidade institucional e a autoestima” e deixar atrás “as ameazas e faltas de respecto”. “O Concello está secuestrado”, dixo Seara, que quere recuperalo para a veciñanza, atraendo poboación “que foi expulsada” do Casco Vello, cun plan de rehabilitación de vivendas, unha mellora dos locais da zona histórica e un centro de saúde. Tamén aposta polo termalismo como “motor económico” cun proxecto transversal entre concellerías e un plan de competitividade turística,  “a recuperación dos ríos Loña e Barbaña”, o incremento de zonas verdes, un plan de reequilibrio dos barrios, a  “recuperación cultural” e un impulso ao comercio local.

Te puede interesar