Marisol Díaz Mouteira, directora xeral de Patrimonio Natural: "Imos declarar de novo a emerxencia cinexética polo xabaril"

CAZA LIBRE DO XABARIL

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, explica que o vindeiro venres o DOG publicará unha nova declaración de emerxencia cinexética pola proliferación do xabaril en toda Galicia, un problema que tamén afecta de xeito importante a Ourense

Publicado: 09 oct 2024 - 06:45 Actualizado: 11 oct 2024 - 08:44

Marisol Díaz Mouteira, nun momento da entrevista (Foto: Marcos Atrio).
Marisol Díaz Mouteira, nun momento da entrevista (Foto: Marcos Atrio).

A presenza do xabaril converteuse nunha imaxe habitual nos diferentes barrios da cidade, que ven como diferentes exemplares esnaquizan espazos verdes e que poden chegar a ser un perigo para a cidadanía. Marisol Díaz Mouteira, directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, explica cales son as medidas que se van tomar para facer fronte a esta plaga e como abordar outras problemáticas, como os ataques do lobo ao gando.

Temos un problema serio co xabaril na cidade.

Si. Hai moitos motivos detrás deste problema: abandono do rural, a maleza exténdese pola área urbana e periurbana, busca de alimento… Se sumamos a súa capacidade reprodutora, é normal que cada vez se acheguen máis.

No último pleno do Concello, Jácome trasladaba á Xunta a responsabilidade do control do xabaril.

A competencia en zonas urbanas e perirubanas é dos concellos, pero desde a Xunta de Galicia propuxémonos colaborar cos gobernos locais cunha medida que está demostrado que funciona: a colocación de gaiolas. En Sada (A Coruña) capturaron 20 exemplares no 2023, outros tantos no que vai de 2024. En Oleiros (A Coruña), o pasado mércores, 6 nunha soa noite, e acaban de colocalas.

Ofreceuse esta posibilidade a Ourense?

Si. O pasado luns trasladouse unha carta ao Concello poñéndonos a súa disposición e con información de como sería a actuación. Desde a Xunta facilitaríamos as gaiolas e os técnicos para valorar a mellor ubicación para colocalas, mentres que o goberno local só correría cos custes do veterinario para a eutanasia e a xestión dos corpos.

O xabaril tamén causa importantes desfeitas aos agricultores. Está sobre a mesa volver declarar a emerxencia cinexética?

Si, o Diario Oficial de Galicia publicará o venres unha nova declaración. Este ano increméntanse de 37 a 40 as comarcas de Galicia onde se aplicará; na provincia de Ourense son 11, que suman un total de 87 concellos.

Resultou efectiva no 2023?

Si, dá resultado. O venres, ademais da declaración da emerxencia cinexética para a caza sen límite da especie, presentaremos os datos do ano pasado.

Que outras medidas se contemplan para loitar contra o xabaril no rural?

Os agricultores afectados por danos do xabaril deben dar un aviso e os axentes ambientais acuden para comprobalos e autorizar entón batidas ou esperas. No que vai de 2024 levamos 3.410 avisos con danos, as cifras oficiais coñecerémolas mañá.

“Queremos xestionar a poboación do lobo”

Os ataques do lobo ao gando son outra das preocupacións no rural. Segue requirindo protección esta especie?

O lobo sempre require protección, pero neste momento estamos nunha situación de alarma polo conflito entre a conservación da especie e a actividade do sector primario, fundamental no noso rural. O pasado setembro reunímonos coas outras comunidades lobeiras (Asturias, Cantabria e Castela e León) e todas incrementamos o número de mandas: en Galicia estamos en 93.

A Xunta pide que o lobo sexa retirado do Lespre (Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial).

A inclusión do lobo nesta listaxe no 2021 non obedeceu a criterios obxectivos nin ao estado favorable que ten a especie ao norte do Douro. Ata ese momento, a situación funcionaba en Galicia: tiñamos un plan de xestión e había unha convivencia totalmente pacífica, o problema empezou cando o Goberno central decide incluír ao lobo nesta listaxe. Pedimos que se revise o estado desta especie, unha postura que está avalada pola Unión Europea, que di que se debe rebaixar o seu estatus e adaptalo á realidade de cada territorio. Só no 2023 o lobo atacou máis de 2.800 reses, o seu estado é de todo menos desfavorable.

Cando chegarán a Galicia os 4 millóns de euros prometidos polo Goberno central para a prevención e compensación dos ataques do lobo?

Non temos ningunha data, e temos claro que aquí hai motivos ideolóxicos. A Galicia castigóusenos no 2022 sen mandarnos os fondos que nos correspondían por non apoiar a estratexia do lobo do Goberno central. Desde entón, a Xunta de Galicia leva compensado un total de 12 millóns de euros para axudar aos gandeiros. No 2023, por problemas internos do Goberno, non volvimos cobrar; no 2024, estamos en outubro, e non temos noticia algunha. Galicia non conta para este Goberno, que nin está nin se lle espera.

Que medidas se aplican para protexer ao gando mentres o lobo estea no Lespre?

Hai unha liña de axudas destinadas á prevención, como a compra de cans para a defensa do gando, colocación de valados fixos e móviles, contratación de coidadores para os rabaños… Tamén temos as contías compensatorias polos ataques do lobo. Queremos poder controlar e xestionar a poboación do lobo, partindo sempre da premisa da súa conservación e protección.

Se sae da listaxe, sería a caza unha opción?

Non, a caza do lobo non estaría permitida. Queremos volver aplicar medidas de xestión como se facía ata 2021, controlando o número de mandas e os membros que constitúen cada unha, pero nunca a caza.

O patrimonio natural inclúe tamén á nosa flora. O lume queimou 300 hectáreas no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, como se traballa na súa recuperación?

Aquí traballamos da man da Consellería de Medio Rural, ofrecendo reforestacións ás comunidades de montes que forman parte dos parques naturais: estamos pendentes de tramitar a plantación de 3.000 plantas e árbores, todo especies autóctonas. Tamén traballamos para evitar os arrastres da cinza coa choiva.

Outro dos espazos máis destacados do patrimonio natural ourensán é a Ribeira Sacra. É posible compatibilizar esta reserva da biosfera coa chegada dos turistas?

As reservas da biosfera, como a Ribeira Sacra (agora en proceso de candidatura a Patrimonio da Humanidade) caracterízanse pola compatibilidade do coidado da natureza coa actividade económica local, que neste caso implica o turismo. Nós avogamos polo ecoturismo, ordenado e sostible, pero para isto debemos falar coas outras consellerías implicadas.

Contenido patrocinado

stats