EXPOURENSE

A Mostra da Oportunidade supera as súas expectativas

As novidades foron a oda para mascotas, a moda xuvenil con motivos de películas e series recoñecidas e o "pau dos selfis"

A 22ª Mostra da Oportunidade pechou onte as súas portas tras tres días de intensa actividade nos que seguiu contando coa fidelidade do público e onde os 80 expositores viron superadas as súas expectativas de negocio. A falta de contabilizar as últimas visitas de onte, o día de maior afluencia dos tres que durou a feira, a organización calcula que foron máis de 13.000 os visitantes que aproveitaron os mellores prezos en milleiros de artigos que ofrecían descontos que partiron dende o 30 ata o 70%.

A Mostra presentou os prezos máis competitivos nunha ducia de sectores entre os que destacou a oferta en téxtil e o calzado, cun amplo surtido para os máis pequenos e no que se puideron atopar as primeiras marcas con importantes descontos con respecto do prezo en tenda.

Facendo un percorrido pola Mostra na xornada de onte podíanse atopar xa numerosos carteis de "vendido" en estufas, sofás, colchóns e lavadoras. As novidades deste ano foron a moda e complementos para mascotas que ofertou un centro veterinario do Centro Comercial Aberto de Allariz, a moda xuvenil dos motivos das películas e series máis coñecidas, e a telefonía e complementos para o móvil no que non podía faltar o famoso "pau dos selfis". A ampla oferta en moda, bixutería ou complementos converteu ademais á Mostra nun bo espazo para mercar ó mellor prezo o agasallo do vindeiro San Valentín.

O fogar, con ampla variedade en moble, decoración, descanso ou menaxe ocupou o segundo lugar en cantidade de expositores. Nestes sectores puideron atoparse sofás e sistemas de descanso de alta calidade que se venderon a prezos moi reducidos. "Dende o primero momento todo foi colgar carteis de vendido", indicaba un dos expositores da Mostra.

Tódolos que se decidiron á visitar a Mostra da Oportunidade puideron atopar unha ampla oferta de máis dunha ducia de sectores sendo a maior parte dos expositores ourensáns, polo que esta cita se converte, ademais, nun dinamizador do comercio local grazas tamén a presenza de distintos centros comerciais como o de Ourense Centro, o Couto, o CCA de Xinzo da Limia, e os de Allariz e Carballiño.

A vindeira feira será os días 10 e 11 de febreiro coa 10ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral.

Te puede interesar