DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

O Observatorio da Sostibilidade analiza o grao de boas prácticas medioambientais en Ourense

A Deputación de Ourense, primeira de Galicia que lidera esta iniciativa a prol do desenvolvemento sostible dos concellos, por medio  do consenso político e social

No Pazo Provincial tivo lugar hoxe a reunión do Observatorio da Sostibilidade, que ten como obxectivo avaliar o proxecto da rede de municipios sostibles da provincia de Ourense, cara a conseguir unhas boas prácticas medioambientais nos concellos. Esta iniciativa, posta en marcha pola Deputación de Ourense, é pioneira en Galicia a prol do desenvolvemento sostible dos concellos por medio da cooperación e o consenso político e social.

O presidente provincial, Manuel Baltar, presidiu a xuntanza do Observatorio da Sostibilidade, afirmando que temos que apostar por ser un “goberno verde”, salientando a excelencia medioambiental nos nosos concellos, e destacou que a Deputación de Ourense é a primeira de Galicia que lidera unha iniciativa medioambiental “en rede” a prol do desenvolvemento sostible dos concellos, “o que permitirá abordar os problemas do medio ambiente de maneira conxunta e con máis eficiencia e aforro, pensando exclusivamente no benestar dos cidadáns do presente e do futuro”.

“Temos que desenvolver iniciativas que favorezan unha “economía verde”, explica o presidente provincial, “para facer máis eficientes o uso dos recursos medioambientais nos nosos concellos”.

Na xuntanza de hoxe analizouse o traballo realizado pola Rede de Municipios Sostibles ao longo de 2013 así como o Plan Provincial Particip@. Esta Rede agrupa aos concellos da provincia que avogan polo desenvolvemento sostible. É o punto de encontro para a realización de accións comúns e o intercambio de información e experiencias, propiciando un espazo para a reflexión e o diálogo aberto entre representantes da administración, técnicos e cidadáns da provincia de Ourense.

A finalidade tamén é coñecer os condicionantes, problemas e potencialidades da provincia a través da diagnose do territorio, o que permitirá establecer accións de desenvolvemento económico, cohesión social e eficiencia ambiental.

Este proxecto consta de dúas fases, unha primeira “Etapa provincial- intermunicipal” que abrangue os vindeiros dous anos e que pretende sentar as bases para compartir e optimizar recursos e levar a cabo proxectos intermunicipais. E unha “Etapa local”, na que se realizarán as “Axendas 21 locais” dos concellos adscritos á Rede.

A Deputación de Ourense, ademais de dar a coñecer á cidadanía a importancia de integrar a sostibilidade no desenvolvemento provincial, pon en marcha campañas de comunicación, para facer partícipes aos veciños das accións que se van a levar a cabo; campañas divulgativas medioambientais, enquisas, obradoiros e foros de debate, así como un concurso escolar sobre a Axenda 21 no que participan alumnos dos colexios situados nos concellos adscritos ao pacto.

Te puede interesar