Un campamento amosará o valor da provincia, co apoio da Deputación

A 'ourensanía' véndese entre os máis novos

'Empeza por coñecer Ourense' é o lema do campamento da Ourensanía, que acollerá o Concello de Celanova durante todo mes de agosto. Nel poderán participar un total de 200 rapaces, en quendas de 50 cada cinco días. O obxectivo é que os máis novos poidan coñecer e gozar do seu entorno máis próximo afondando na historia da provincia. O programa, deseñado por profesionais da Pedagoxía e as actividades de lecer, mestura as excursións con xogos vencellados a personaxes famosos da contorna.
Esta primeira edición desenvolverase no albergue municipal de Celanova e, por iso, as visitas previstas miran cara Vilanova dos Infantes ou Castromao. Na súa organización colaboran a Deputación provincial e o Concello celanovés, mentres que da xestión do campamento encárgase a empresa 'Lúcete Lecer'.

A vila converterase en escenario de moitos xogos, pero tamén os haberá nas piscinas en xincanas e en puntos de interese da zona. Os participantes tamén competirán ó fútbol-chapas e confeccionarán todo tipo de accesorios en diferentes talleres.

Será coma unha viaxe no tempo coñecendo castros e fortalezas medievais na que poderán participar mozos de entre sete e 15 anos. O prazo de inscripción xa está aberto para cada unha das catro convocatorias e ten un prezo de 100 euros -a data límite será unha semana antes de cada turno-. Nesta cuota inclúese pensión completa no albergue, o material preciso para os diferentes obradoiros a desenvolver, actividades de tempo libre e de montaña, a supervisión dun equipo de monitores titulados e o seguro de responsabilidade civil, para garantir o benestar de tódolos pequenos.


MATRÍCULA

Os interesados poderán obter máis información na oficina xuvenil de calquera Concello ourensán ou no teléfono 661.120.370. A matrícula poderá formalizarse no correo electrónico '[email protected]' ou a través das Omix da provincia. Do que si avisan os organizadores é da necesidade de que cada turno conte con 25 participantes. Doutro xeito, o campamento da Ourensanía podería quedar aprazado. En calquera caso, o importe da matrícula reintegrarase, de haber algún problema.

Te puede interesar