Ourense cumpre 75 anos na BBC
Hai 75 anos a BBC iniciou a emisión do “Galician Programme”, un espazo radiofónico en galego cunha importante presenza da cultura e a literatura ourensás, con nomes como Alejandro Raimúndez, Leuter González ou Ben-Cho-Shey.
As ondas da BBC o 14 de abril de 1947. Os oíntes británicos e galegos oíron a apertura coa melodía escocesa “Cock of the North”. Estreaba a emisión a voz dun tal Xavier Fernández, alias de Alexandre Raimúndez, xornalista ourensán afincado en Reino Unido. Fernández dá paso ao primeiro contido cultural coa presenza especial do seu compañeiro e paisano Augusto Assía (pseudónimo de Felipe Fernández Armesto). Coa sección “Relaciós Culturales entre Inglaterra e Galiza”, Assía descubre un nexo entre a rexión meridional da vella Albión e as terras ao noroeste do Reino de España: unha guía do Camiño de Santiago datada no século XIV. Desde este documento centenario -continúa Assía- a relación entre ambos os dous territorios seguiu a medrar grazas a sucesivas publicacións en inglés. Nestes textos, repartidos en varias épocas, moitos autores británicos adicaban eloxios das xentes e as paisaxes galegas. Sobre “as nosas cualidades resisten comparacións co-as d’os millores europeos”, escribiu Assía parafraseando a Hume.
Este primeiro episodio pechou coa melodía do alalá de Bande gravado nun disco da coral De Ruada. Entregas posteriores finalizaban con outros exemplos da música tradicional como a muiñeira de Cartelle e a pasacorredoira de Arnoia.
Podemos saber estes datos acudindo aos 83 guións que institucións como a Real Academia Galega (RAG) conservan do histórico “Galician Programme” da BBC, unha emisión duns 10 minutos de duración que reuniu á cultura e á literatura galegas desde o exilio e coa axuda de representantes célebres da lingua.
Rememorando o 75 aniversario da primeira emisión do “Galicia Programme”, Afonso Vázquez-Monxardín, arqueólogo, historiador y colaborador de La Región, quixo rescatar o “factor ourensán” do programa da radiotelevisión británica. O peso dos persoeiros da nosa provincia foi esquecida ou, máis ben, menosprezada debido a un “pecado venial” doutro excelso autor galego: Francisco Fernández del Riego, último supervivente dos colaboradores do programa. Nas súas memorias, Fernández del Riego, lembra a súa etapa neste proxecto de radiodifusión, de maneira que o lado vigués tomaba maior protagonismo fronte ao sector de Ourense.
Temos a sorte de conservar os guións dos 83 programas emitidos dende a capital británica. O total destas reliquias está repartido en tres coleccións: unha que pertenceu a “Leuter” González Salgado (amigo do programa e vencello coa patria), outra en mans da RAG e unha terceira que atopamos en Vigo.
En toda a historia do programa internacional houbo unhas 120 colaboracións con mitos persoeiros da literatura galega. Por aquí pasaron textos e composicións de Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Ricardo Carballo Calero, Rafael Dieste e Manuel María, entre outros. Uns cantos episodios adquiriron maior transcendencia por levar a firma de varios autores neses poucos minutos no aire. Por exemplo, foron sesións multitudinarias a homenaxe que adicaron á memoria de Castelao, falecido o 7 de xaneiro de 1950, que se emitiu en marzo do mesmo ano e varias conmemoracións do Día Nacional de Galicia.
Tristemente, apenas existen rexistros sonoros dos 83 programas que emitiron entre abril do 47 e xaneiro do 56. Por sorte, apunta Vázquez-Monxardín, si conservamos un fragmento da última emisión, gravada por un ouvinte nunha cinta e gardada na British Library. Nesta gravación podemos escoitar oito poemas recitados polos seus respectivos autores, como Xosé María Álvarez Blázquez e Aquilino Iglesias Alvariño. Este documento é dun gran valor histórico se temos en conta que neses tempos era case imposible (por motivos técnicos y económicos) rexistrar as emisións de radio en cintas magnéticas, daquela unha rareza ao alcance de moi poucos.
Ademais, Vázquez-Monxardín puido acceder a documentación orixinal que dá unha mellor idea dos procesos e do funcionamento interno deste proxecto galego en Londres: intercambios de cartas entre os participantes, envíos de diñeiro (porque as colaboracións eran pagadas), telegramas, fotocopias de documentos oficiais da BBC e os arquivos persoais do colaborador ourensán Ben-Cho-Shey (alias do escritor Xosé Ramón Fernández-Oxea).
Recuperando a memoria
A emisión en galego alternábase cada semana con outras dúas nas linguas cooficiais, o catalán e o vasco. As tres linguas estaban reunidas dentro do espazo “Spanish Programme”, que trataba temas nacionais e rexionais de toda España. Porén, o caso galego dentro da programación española é especial, xa que as radios nas linguas do País Vasco e de Cataluña contaban con emisoras e apoios próximos ás fronteiras españolas mentres que os galegos exiliados tiñan que comunicarse desde puntos tan afastados como Buenos Aires. De feito, apunta Vázquez-Monxardín, nas otras nacións históricas “non hai estudos nin edicións completas dos guións”.
O “Galician Programme” despediuse desde as ondas en xaneiro do ano 1956. Vázquez-Monxardín apunta que as razóns da fin foron diversas. Primeiro, os medios estranxeiros perderon o interese polo galeguismo e os outros idiomas da España franquista. Por outra banda, o goberno británico precisaba levarse ben co réxime de Franco, xa que non era conveniente pór en perigo a súa soberanía sobre Xibraltar. Ademais, daquela España tiña maior peso no panorama internacional porque acababa de converterse nun novo estado membro da ONU e da Unión Europea de Radiodifusión.
Con todo, as circunstancias (moi pouco favorables) impediron que estes contidos chegasen a un público galego. Hai que ter en conta que nesa época pouca xente tiña receptores de radio en Galicia (Vázquez-Monxardín fala de 3.000 vivendas); é máis, nas zonas rurais era impensable dispoñer de instalacións eléctricas. Pola súa banda, o galeguismo non tiña a forza suficiente para espertar a curiosidade de posibles oíntes con inclinacións pola nova literatura.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PROPUESTA DE EEUU
La segunda fase del plan para la paz en Gaza, “más próxima”
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 8 de diciembre