Ourense é o maior produtor dentro da IXP Mel de Galicia

Este selo de calidade produce unha media de 400.000 quilos deste “ouro líquido” cada ano

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia é a denominación de orixe deste alimento que máis produce en toda España, ó redor de 400.000 quilos anuais. Aglutina a preto de 300 apicultores e a 35 marcas, que posúen 4.609 explotacións, sumando un total de 200.740 colmeas en todo o territorio. En Ourense, atópanse 87.000 destas colmeas, distribuidas en 1.348 explotacións, o que fan da provincia a maior produtora dentro deste selo distintivo, aportando o mesmo volume de mel que as provincias de Pontevedra e A Coruña xuntas.

A presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, Ester Ordóñez, explica que “se a Agrupación Apícola ten aquí a súa sede é porque xa había unha tradición de moitos pequenos apicultores”. Dentro desta agrupación hai 900 persoas asociadas, posuidoras de 60.000 colmeas. A importancia que ten a IXP é, segundo explica Ordóñez, que se produce unha “valorización do produto a través da contraetiqueta de mel de Galicia, para que os consumindores saiban que teñen garantido a orixe e a calidade diferenciada, posto que se lles pide parámetros máis restrictivos que a norma de calidade a nivel nacional”. Por exemplo, non se permite a pasteurización nin quentar o mel a máis de 40 graos para que non perda as súas propiedades.

Outro dos beneficios que ten a apicultura no territorio é o mantemento da contorna e “permitir que a xente poida vivir no rural e do rural”, algo que revirte tamén nos montes, xa que “o mel pódese importar, pero non a polinización, polo que é imprescindible apoiar aos nosos apicultores xa que, ademais de poder consumir o mel, beneficiámonos da polinización de todos os nosos montes”.

Un mel único

Este “ouro líquido e doce” é un produto intimamente ligado ao territorio no que se orixina, e o galego destaca por poseer “un contido mineral e unha riqueza en vitamina C claramente superior aos valores medios”, segundo un estudo da Universidade de Vigo. Ademais, dentro da IXP “non é o mesmo un mel de interior ca un de costa”. “Creo que non se pode dicir iso de que ‘non me gusta o mel’, eu creo que é porque aínda non se probou o axeitado”, explica Ordóñez.

A principal demanda do sector é que, mentres o quilo de mel se comercializa ao redor dos 8 euros, os produtores reciben a metade cando venden o seu mel ás distribuidoras, algo semellante ao que sucede noutros sectores en Galicia, como pode ser o lácteo.

A 34 edición da Feira Apícola terá cata virtual e charlas internacionais

A sede do Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás acolleu onte a presentación da 34 edición da Feira Apícola de Galicia, que por terceiro ano consecutivo se celebrará de maneira telemática este sábado, 9 de abril, e que contará con ponencias de expertos de ámbito internacional dende países como Arxentina, Francia e Italia, catas de mel e unha actividade didáctica no colexio Ruxidoiro.

O presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José María Seijo, fixo un repaso da programación, que arrancará ás 10,30 horas cunha ponencia sobre información do producto e sistemas de I+D+i. Seijo indicou que “non fai falla ir ás colmeas, a través do móbil podemos estar lendo o que está pasando no noso colmear”, grazas a un sistema desenvolvido coa axuda da Universidade de Vigo. Ademais, haberá outras conferencias sobre cría de raíñas, control de enfermidade ou a cata comentada, na que 40 participantes poderán degustar meles de Galicia e Alcarria. O kit tamén inclúe outros produtos como como o pole ou o propole, ademais de cosméticos da marca Belacolmea, unha forma de innovación que axuda a aumentar o rendemento das explotacións apícolas, ampliando o seu mercado máis alá da alimentación.

Te puede interesar