O PP promete benestar social e emprego no seu programa

Rosendo Fernández, candidato do PP, á súa chegada ó mítin das Lagoas.
Rosendo Fernández presentaba onte o programa electoral co que os populares concurrirán aos vindeiros comicios, que pretende ser un contrato cos cidadáns de Ourense para os vindeiros catro anos 'con tódalas garantías no que os compromisos son realistas, asumibles e fieis'. Nese programa, o PP asume como máxima prioridade os maiores, os mozos, as familias preocupadas polo futuro dos seus fillos e os desempregados.
Para o PP de Ourense é fundamental priorizar aqueles investimentos que ofrezan maior valor engadido en termos de competitividade e contribución ao crecemento económico. Asumen como unha obriga o coidado e a trasmisión do legado ambiental, por iso comprométense, en caso de lograr a Alcaldía da cidade, a considerar a enerxía, os recursos naturais e o medio como valores estratéxicos da súa xestión co fin de preservar o dereito das xeracións futuras a un ámbito máis sostible e saudable.
O cabeza de lista afirmou que 'queremos un Ourense con capacidade de promover o talento, a iniciativa e a creatividade'. Para logralo seguirán catro liñas básicas, economía e emprego, benestar, cooperación e transparencia e austeridade.
Nese sentido os populares incidirán na mellora da cualificación profesional dos recursos humanos, a promoción da inserción socio-laboral dos colectivos máis desfavorables, o fomento da creación de novas empresas, a austeridade para evitar o superfluo e a transparencia, co fin de render contas de xeito permanente.

Te puede interesar