Primeiras mulleres na Coral De Ruada

A  primeira actuación da Coral De Ruada, o 24 de xuño de 1919.
photo_camera A primeira actuación da Coral De Ruada, o 24 de xuño de 1919.
Cal é a razón para que se discutise que De Ruada foi o primeiro coro galego en incorporar voces femininas?

Sempre houbo entre os coros galegos históricos -aínda hoxe- unha sa rivalidade para determinar cal deles foi o primeiro en incorporar voces femininas na súa formación. No caso de De Ruada a cousa está moi clara: as mulleres forman parte do coro dende os seus inicios, a finais de 1918. De feito, na foto dos coralistas da primeira actuación, o 24 de xuño de 1919, rotulada por Virxilio Fernández (un dos fundadores da coral), podemos ler: Mozas: Avelina Espiñedo, tiple; María Fernández, soprano; Antonia Figueiral, tiple; Aurora Vázquez, soprano; Josefa de la Heras, baile. É dicir que había unha bailarina e catro mulleres cantando, que non parecen moitas, pero que non está mal tendo en conta que os homes eran oito, xa que os demais da foto son declamadores, instrumentista, escenógrafo, bailarín e, por suposto, o director, Daniel González. Por certo que esta característica de predominio das voces graves sobre as brancas foi sempre unha característica distintiva de De Ruada, ao contrario da meirande parte dos coros, tal como me explicou hai anos o ruadista histórico “Chuti”.

O Coro Galego Histórico actual máis antigo é Toxos e Froles de Ferrol, fundado en 1914, xusto no ano en que desapareceu o coro pontevedrés Aires da Terra, creado en 1883 polo boticario Perfecto Feijóo. Ségueo Cántigas da Terra, da Coruña, fundado en 1916. Aires da Terra non contou con voces femininas e Toxos e Froles e Cántigas da Terra tampouco nos seus primeiros anos, tal como se pode ver nas súas primeiras fotos.

Cal é a razón para que se discutise que De Ruada foi o primeiro coro galego en incorporar voces femininas? Hai que buscala nunha interpretación errónea dalgúns documentos fotos e programas da época: resulta que os coros galegos tiñan grupos de baile e de declamación e nestes grupos si que figuraban mulleres, pero non formando parte do coro.

A mellor proba do que acabo de sinalar é que no libro “Real Coro  Toxos e Frores (1914-2000)” (volume I; 1914-1970) -escrito polo membro do coro ferrolán Juan José Rodríguez de los Ríos e publicado pola Deputación da Coruña- pódese ler, baixo o título “Toxos recibe a De Ruada” -refírese á visita de 1920- a ilustrativa frase: La actuación de la Coral De Ruada en el primer coliseo departamental [teatro Jofre de Ferrol] dio origen a un escrito de prensa que repercutiría para que el Toxos llegara a ser un coro mixto. Tendo en conta que por Ferrol xa pasara o coro Cántigas da Terra, penso que queda aclarada a cuestión.

En 1931 a Coral De Ruada realizou a súa primeira xira por Iberoamérica, visitando Arxentina, Uruguai e Brasil. Pois ben, nesta xira americana tamén participaron mulleres, oito concretamente: Asunción Álvarez, Luisa Fernández, Carmiña Anta, Lolita Casasnovas, Pilar Casasnovas, Filomena Fernández, Carmen Vázquez e Carolina Serrano.

Por último, en 1934, nove ruadistas, capitaneados por Virxilio Fernández, viaxaron aos Estados Unidos de América -a Chicago concretamente- para reforzar ao Coro Galego Anaquiños d’a Terra de Madrid que fora convidado a participar na segunda fase da Exposición Universal de Chicago (a primeira fase tivo lugar en 1933). Dos nove coralistas ourensáns, tres eran mulleres: Virginia Novoa, Filomena Fernández e Josefa Guede.

Débese ter en conta que nos anos vinte e trinta do pasado século, aos que me acabo de referir, non estaba moi ben vista a intervención de mulleres en determinados espectáculos por certos sectores da sociedade e, por outra banda, a estas pioneiras non debía resultarlles nada doada a súa participación en De Ruada tendo en conta non podían tomar decisións de xeito autónomo, polo que precisaban do consentimento dos pais ou dos maridos para asistir a ensaios, actuacións, viaxes...

Sirva, xa que logo, esta pequena crónica como homenaxe ás mulleres da Coral De Ruada que tiveron un papel moi destacado ao longo da súa centenaria historia, xa dende os seus inicios.

Te puede interesar